13 de mar. de 2009

Presión, presión..... Represión


Xa llo dixo o Director Territorial de Galicia e Asturias aos seus zonas: que aos directores se lles crea pouca tensión e niso están, en tensionar, insistir, fiscalizar, entrevistar, chamar, facer cortes para a absurda caixa diaria, multiconferenciar, propiciar o medo polo boca a boca..., todo elo coa inestimable e indispensable participación e colaboración de RR.HH Galiza, o gran invitado nesta festa de despropósitos.

A frase de que o Banco agora cambiou non é certa, quen pense así equivócase, equivócase moito. O Banco é o mesmo, simplemente vólvese máis descarado nas súas formas, máis subxectivo e absurdo nas súas esixencias na produción, na recente instalada normalización documental e de riscos.

O medo tamén está instalado nos capataces que queren facer méritos, nos que queren sobrevivir na súa incompetencia, nos que reclaman produtividade sen ter pisado xamais unha oficina, mellor dito, sen ter traballado nunca na rede, en ningún posto, ¡¡¡ ningún !!!. E se a pisaron, caracterizáronse pola súa total e absoluta violación das normas das que agora son acérrimos gardiáns. Non hai nada peor que un converso: neste sindicato non esquecemos para nada tempos pasados, nos que algúns bárbaros presionaban para contratar desleixadamente co único fin de engordar unha contratación en falso, e que tantas tristes consecuencias tivo para algúns compañeiros.

Non esquecemos a política que se seguía coa boca pequena (e non tan pequena) nas famosas OPVs, nas tarxetas previamente concedidas, nos seguros... Por iso, se non fora cousa seria (polas súas consecuencias para o traballadores/as), sería de risa, de moitísima risa, escoitar defender por algúns “jetas” normas que, sospeitamos, teñen por obsceno obxectivo propiciar o despido de compañeiros e compañeiras que se están esforzando por cumprilas.

Que se tensiona pouco, Sr. DIRECTOR TERRITORIAL? Perdoe señor, vostede aquí seica e novo... Neste sindicato estamos máis que fartos de vivir dende sempre tensións desta Territorial, deste Banco que no seu momento vendeunos que era “LA MEJOR EMPRESA PARA TRABAJAR...”, e bla, bla, bla... Palla Sr. DIRECTOR TERRITORIAL, todo palla.

Sabemos en qué situación esta o cadro de persoal e, dende aquí, facemos responsables a eses nostálxicos UBMs (antes Xefes de Zona) que volven usar o acoso,o insulto e a intimidación como o máis fácil e antiprofesional método de motivación, aos xefes de RR.HH., e ao mesmo Director Territorial, do total e absoluto desencanto froito do temor e a incerteza no que están a situar aos traballadores/as.

A nós, de seguir así, non nos vai a quedar outra que facer o noso traballo dun xeito máis contundente. Coñecémonos.

Galiza, 13 de marzo do 2009