10 de maio de 2010

Horas de balde, resposta sindical

Na entrada deste espazo ollaredes que nunha das súas cabeceiras di: “ESTA EMPRESA OBRIGA A FACER HORAS EXTRAS DE BALDE”.

Todos e todas sabedes que esta vergoñenta verdade é cada vez máis evidente e descarada, na que só eles definiron como “la mejor empresa para trabajar”.

Nesta Territorial de Galicia e Asturias, consideramos instigadores directos deste abuso á máxima responsable da mesma e ao seu segundo, o director territorial, coa, sen dúbida, inestimable complicidade e colaboración necesaria dos directores de zona.

Todos eles, para xustificar a súa incompetencia, utilizan a fusta do medo e da crise económica para instalarnos na prolongación ilegal da xornada con inabarcables obxectivos, continuadas e valeiras multiconferencias, coercitivas comparativas na “produción”, absurdas “caixas diarias”, atemporais rones en días de impostos, e outras imaxinativas vainas que para ser cumpridas/atendidas necesitan un tempo que excede con moito a xornada laboral do Convenio Colectivo. E cada vez peor, cada vez o abuso é máis grande, cada vez a sensación de culpabilidade que pretenden introducir nos compañeiros/as que intentan levar a cabo unha mínima conciliación entre a súa vida privada e laboral, é máis agresiva.

É ben certo, “ESTA EMPRESA OBRIGA A FACER HORAS EXTRAS DE BALDE”. As abusivas revisións salariais á baixa que se están a facer -moitas veces con traslado incluído como se de cromos máis que de persoas se falara-, e, por exemplo, o divorcio retributivo existente entre as funcións que moitos empregados/as desenvolven (xoves sobre todo) e o nivel profesional recoñecido, fai máis sangrante este agasallo que a cotío se lle fai á empresa, este fraude á Seguridade Social, esta insolidariedade co resto da cidadanía nun momento no que o paro estase a converter nunha pandemia social.

A loita da CIG, e desta Sección Sindical en concreto, vén de antigo, contra o que supón de retroceso nun dos máis importantes dereitos acadados na loita obreira: o dereito a unha xornada laboral digna e regulada, o dereito a un tempo de lecer.

Volvemos a reivindicar aquela vella consigna (¡¡quen o ía dicir!!): oito horas para traballar, oito horas para lecer e oito para descansar.

Non podemos permanecer cos ollos pechados ante este descarado abuso por máis tempo, non queremos ser cómplices dunha situación que claramente vai a peor dando a calada por resposta, e é por elo, polo que esta Sección Sindical do Banesto vén de reactivar unha campaña de denuncias por todo o País ante as Inspeccións de Traballo, ademais de retomar as concentracións que xa en tempos levamos a cabo, nas que denunciaremos PUBLICAMENTE ante a sociedade esta insolidariedade para con ela.

Galiza, 5 de maio de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario