22 de set. de 2010

Sábados libres e outras mentiras

Como xa vos fixemos saber en anteriores comunicados, unha das preocupacións que ten moi presente a nosa Sección Sindical en Banesto é a prolongación ilegal da xornada laboral, polo que de FRAUDE supón no máis amplo sentido da palabra. En base a esa preocupación, e no exercicio da nosa inescusable responsabilidade sindical e social, é polo que presentamos una serie de denuncias ante as Inspeccións de Traballo de todo o país.
Cabe destacar -polo que de descarada falsidade ten- a contestación que para escusar a Banesto nesta práctica deu a xestora de RRHH en representación do Banco ante a Inspección de Traballo. Alegaron que a prolongación da xornada polas tardes está amparada polo acordo subscrito entre a Dirección da empresa e a representación sindical en data 23-09-09, sobre modificación de horarios de traballo de carácter colectivo. Como non tiñamos coñecemento de ningún acordo asinado nesta data, é polo que nos interesamos no mesmo e, para a nosa sorpresa e indignación, este acordo existe, pero é o acordo asinado polo Banco Santander Central Hispano (BSCH) e os sindicatos estatais, no que se establece a libranza dos sábados a cambio dunha compensación de xornada por medio dunha bolsa de horas, a distribuír estas de forma totalmente inconcreta.
O Banco mentiu descaradamente e sabéndoo, xa que non cremos que sexan tan incompetentes como para confundirse de papeis ata ese extremo. É máis, é indignante que con esa mentira o Banesto metérase en absoluto descrédito ante a Inspección de Traballo, xa que é evidente que ese acordo é de aplicación no Santander pero NON no Banesto.
Pero é moi importante que indirectamente, con esta falsidade, VÉN DARNOS A RAZÓN Á CIG, que dende o principio dixemos que o acordo do Santander, que algúns defendían como un acordo a copiar no Banesto e o presentaban publicamente como de libranza dos sábados, ía ser unha porta aberta a un horario de flexibilidade total, indenunciable ante as Inspeccións de Traballo, unha coartada perfecta para calquera banco que levaría a indefensión dos traballadores/as: as empresas sempre poden alegar que as xornadas extras estarían dentro dunha bolsa de horas, ¿como demostrar o contrario?. Polo que se os sindicatos estatais firman isto para Banesto, sería vendervos, metervos nas areas movedizas da incerteza horaria.
Non entraremos a analizar a falsidade utilizada para levar a confusión na resolución dun expediente iniciado por un Organismo oficial, iso xa está aclarado, pero se nos abren as carnes cando lembramos cantos outros compañeiros/as, por moitísimo menos, foron apercibidos/as e despedidos/as. Está claro que a vara de medir (poñan como se poñan) non é a mesma. Agora, por favor, pasade a ler o programa “BANESTO POR TI” recentemente enviado… ¿será ou non será outro engano?Galiza, 22 de setembro 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario