1 de xuño de 2012

Gacelas ou búfalos

Hai pouco tempo, un bo amigo transmitiunos unha comparación realmente boa, segundo a cal, o persoal de banca en xeral, pero o de Banesto en particular, éramos igual que as gacelas que vemos nos documentais sobre a fauna africana. Cando un depredador ataca, todas as gacelas corren espavorecidas, pero despois, cando ese depredador xa conseguiu derrubar unha delas, e se dispón a devorala, o resto do rabaño, unha vez que comproban que, cando menos nesa ocasión, a cousa non foi con elas, seguen a pacer a poucos metros, sen apenas levantar a cabeza.


Dicimos que a imaxe nos parece moi boa, e tremendamente descritiva de como funcionamos, porque no noso caso, cando un/unha de nós é agredido verbalmente, humillado, ou incluso despedido por algún dos nosos “depredadores” –por seguir co símil, podería ser algo así como os “compañeiros” de RR HH-, o resto tamén nos asustamos, e incluso ata parece que nos indignamos, pero só durante un anaco, pasado o cal seguimos ao noso, pacendo tranquilamente na nosa parceliña…

Sen embargo, noutros documentais sobre a fauna africana, amósase como os búfalos son os únicos herbívoros que se defenden como grupo do ataque dos depredadores, normalmente leóns, e con frecuencia ocasiónanlles graves feridas ou incluso chegan a matalos. Nun deses documentais afirmábase algo así como que: os leóns matan búfalos, pero os búfalos, sempre que poden, matan leóns.

Existen unhas imaxes nas que se ve como unha gran manada de búfalos sorprende en campo aberto a un numeroso grupo de cachorros de león, varias camadas, e todo o grupo avanza, matando aos pequenos carnívoros, esmagándoos literalmente contra o chan (nós supoñemos que coa idea, instintiva, de evitar males futuros)…

Ben, chegados a este punto, parécenos oportuno aclarar aquí, dun xeito explícito, que nós non propoñemos, obviamente, nin agredir, nin moito menos matar a ningún deses “depredadores” que actúan sobre nós, non vaia ser que nos acusen de terroristas, extremistas, ou de incitar á loita armada, que quede ben claro. Unha vez explicado isto, hai que pensar que se aveciña unha reforma do sector financeiro no Estado, a cal, segundo diversas fontes, podería supoñer a perda duns 50.000 empregos.

Só na nosa empresa, a cifra de postos de traballo que se poderían chegar a destruír oscilaría entre 500 e 2.000 empregos, segundo con quen se fale e segundo o escenario que se contemple, isto é, unha fusión, absorción, venta, integración no grupo SCH, etc, etc.

Ante esta perspectiva, tan probable como aterradora, chegou o momento de plantexarnos se imos seguir sendo tenras gacelas, deixando que os nosos “depredadores” vaian por nós, de un en un, mentres o resto seguiremos mirando para outro lado, ou ben se, polo contrario, imos ser capaces de comezar a organizarnos como grupo, e defendernos coma os búfalos da sabana africana.

Por poñer un exemplo máis “real”, e quizais menos lírico, pensemos nos traballadores do sector naval ferrolán, e tamén vigués. Chegados xa a unha situación de risco real de perder os seus empregos, son capaces de saír á rúa, de organizar marchas e concentracións, ás que asisten TODOS, é dicir, varios miles de traballadores, coas súas familias, para avisar de que non van permitir que ninguén –nin o Goberno, nin a CE cos seus “tax-leases”, etc.- xogue cos seus empregos, e por ende, cunha actividade económica que sustenta comarcas enteiras.

En resumo, que teñen claro que o seu futuro coma traballadores pasa por estar unidos e por ser, agora máis que nunca, coma os feros búfalos do Serengeti, e que, con eles, poucas bromas.

En contraste, no noso banco, ante cada novo despido, porque se seguen producindo, aínda que a empresa os disfrace coma “baixas incentivadas”, seguimos pensando aquilo de que a persoa afectada “algo faría, porque se non, non a botarían”, e así quedamos tranquilos. Pensamos que a nós nunca nos vai tocar, pois somos bos, dóciles, traballamos polas tardes, facemos todo o que nos pide o director de UBM de vez, etc.

Non esquezamos que a empresa ten o convencemento de que sobra xente (nós non sabemos de onde, pero…), e está castigando con extrema dureza, con despedimentos disciplinarios, errores e desviacións que, estamos convencidos, hai uns anos suporían amoestacións, apercibimentos ou, coma moito, suspensións de emprego e salario durante uns días. Son as vantaxes para a empresa de contar con que, en caso de chegar aos xulgados do social, os señores xuíces entenderán que se trata, no peor dos casos, de despedimentos improcedentes, que se saldan cunha indemnización, e ao banco os cartos para estes temas sóbranlle, non si?

Por outra banda, moitas veces, estes despedimentos veñen ocasionados por unha ansia desaforada de cumprir o que piden os directores de UBM, a calquera prezo, sen deternos a considerar que, se veñen mal dadas, aqueles nunca, nunca, van mollarse por nós.

Sobran casos, e algúns moi recentes, nos que cando algún compañeiro/a ten problemas, o director de UBM, que contaba con el/ela para esixirlle e colgarse medallas, agora xa non o coñece de nada, e o despido do traballador/a non é, obviamente, un problema ao que mereza a pena dedicarlle tempo…

Dende a CIG queremos pedirvos que reflexionedes sobre todo isto, e que vos plantexedes que un bo comezo para pensar e actuar como búfalos sería afiliarse a un sindicato, na súa acepción orixinal, isto é, unha “asociación de traballadores constituída para a defensa e promoción dos intereses profesionais e económicos dos seus membros”, pero de todos, non só de algúns “funcionarios” da liberación que se dedican a negociar en Madrid as súas prebendas coa patronal, aínda a costa de vendernos aos demais…

Galiza, 1 de xuño de 2012

Ningún comentario:

Publicar un comentario