10 de xul. de 2013

2º comunicado período de consultas: Agora sobran 3.500



Da información preceptiva legal subministrada polo banco extraese que o actual ERE para 286 persoas só recollería a décima parte do excedente previsto pola Dirección. Incluso sumando as prexubilacións realizadas (entre o ERE e prexubilacións son 932 persoas) non estaría efectuado nin o 50% do axuste contemplado no Informe Técnico.

Na segunda reunión do período de consultas previsto para a extinción de 286 postos de traballo incidimos na falta de información durante o período previo e no período actual, así coma na nosa preocupación polo “excedente” calculado polo banco: 1565 persoas en oficinas e 782 no soporte territorial. Un excedente ao que non lle daría resposta o “Acordiño” asinado polo banco e os seus sindicatos satélites. Na súa contestación o banco dixo que realmente sobraban 3.500 persoas, que sairían a través do ERE (286), de xeito vexetativo e recolocacións (non sabemos si previa extinción ou suspensión).

Nos defendemos que este período de negociación aberto por imposición legal sexa útil, en primeiro lugar e fronte aos argumentos da empresa pensamos que a integración de oficinas levará a un incremento do volume de negocio/oficina e de operacións/oficina, o que en boa lóxica debería levar a un incremento do rateo traballador/oficina. Non é posible manter o rateo que anteriormente tiña o Santander. A todo isto hai que engadir o medre do volume de negocio e de operacións froito da crise das entidades nacionalizadas.

Denunciamos que hai contratos temporais en vigor e ademais o persoal excede habitualmente a xornada laboral debido a sobre carga de traballo e as desmedidos obxectivos comerciais marcados unilateralmente pola Dirección. Aquí non sobra persoal, todo o contrario, o Santander debe dotar correctamente a rede comercial.

A CIG aborda pois este proceso coa intención de dar resposta aos problemas actuais da rede comercial e sen ideas preconcibidas. Non nos ata mais acordo que o que temos cos traballadores e traballadoras: defender os postos de traballo e as condicións laborais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario