9 de dec. de 2013

O Banco Santander vai mal (no laboral)

As últimas reunións mantidas coa Dirección do Banco, a da Comisión de Emprego e a convocada pola venda dos traballadores/as de Altamira, deixaron claro que o Santander está destruíndo emprego a marchas forzadas co visto bo recorrente dalgúns sindicatos. O Banco rematará o ano con 2.500 empregos menos. 

Segundo se desprende da información recibida na Comisión de Emprego, ao tempo que o Santander firmaba cos seus sindicatos un ERE para 290 persoas, mantiña 79 contratos temporais e causaban alta na Entidade 140 persoas. Cada quen pode facer as súas contas sobre a necesidade do ERE. Pero ademais, na Comisión de Emprego indicaron que o Santander agarda pechar o ano con 2.500 persoas menos en relación ao ano anterior. 

Dentro do proceso de venda do persoal de Altamira ao fondo Apollo mantivemos unha reunión, na que o Banco máis que dar información, o que fixo foi propaganda. Quen é Apollo? Un fondo voitre especulativo creado por Leon Black despois de que quebrase o banco que dirixía, o “Drexel Burnham Lambert”. Apollo mercou este ano a financeira de Bankia e presentou un ERE para o 37% do cadro de persoal. Con estes antecedentes e sen garantías en materia de emprego ou retorno, tranquilidade ningunha. 

Sería de agradecer que as axudas públicas recibidas polo Santander (coma a última reforma “ad hoc” dos cretos fiscais) reverteran na sociedade a través da creación de emprego. Pero, pola contra, o clima laboral se deteriora, o cadro de persoal está ao límite na maior parte das oficinas, a extensión ilegal da xornada está desbocada, e o Santander continua reducindo o cadro de persoal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario