24 de feb. de 2015

Non é certo que as prácticas inmorais "sucedan" en todos os sindicatos

A Dirección de CCOO nos sectores de Banca, Aforro, Centros de Chamadas e Oficinas, para defenderse dos escándalos destapados polo xornal El Pais (curiosamente despois das eleccións na banca), declarou que “esto sucede en todos os sindicatos”. Pretendían xustificar o que consideramos inmoral, facendo ver que no sector é habitual o pago de sobresoldos a delegados/as liberados/as (que xa cobran o seu salario das empresas), que é habitual recibir subvencións multimillonarias das empresas ao tempo que asinaban Expedientes de Despedimentos e recortes nas condicións laborais, ou que son habituais os gastos en mariscadas e viaxes suntuosos. 

Pensamos que corresponde a CCOO dar explicacións ante os cadros de persoal das empresas e ante o conxunto da sociedade, pero dado que pretenden estender un manto de dúbida sobre outros sindicatos, queremos aclarar o seguinte sobre a actuación da CIG: 

1. Ningún delegado ou delegada da CIG cobrou sobresoldos. O noso traballo sindical é por compromiso persoal e militante. Ademais, en non poucos casos, ir en candidaturas da CIG provoca persecucións por parte das empresas. Os delegados e delegadas da CIG non buscan o beneficio persoal. 

2. A CIG non asinou ningún acordo que implique un maior salario ou mellor carreira profesional para os nosos delegados ou delegadas. 

3. Cando os delegados e delegadas da CIG visitamos centros de traballo ou cando nos reunimos, se comemos fóra, cada quen paga o seu xantar do seu peto. 

4. Sendo certo que as empresas teñen o deber legal de colaborar coa representación legal dos traballadores/as, non caben subvencións desmedidas, opacas e inxustificadas, e moito menos durante procesos de reestruturación. Asinar acordos que implican despedimentos e recortes salariais, ao tempo que se perciben subvencións millonarias das empresas, é totalmente inmoral e incluso pode ser sospeitoso. 

5. Para a CIG, a afiliación dos traballadores e das traballadoras debe ser a fonte de financiamento sindical, como garante da independencia na toma de decisións fronte as empresas. 

Di o refrán que “pensa o ladrón que todos son da súa condición”, pero non somos todos iguais. 

Galiza, 24 de febreiro de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario