28 de set. de 2015

Negociación Convenio de Banca: volvemos ao traballo

Onte retomáronse as reunións da Mesa Negociadora do Convenio despois do descanso do verán. Non hai novidades e a patronal mantén os piares da súa proposta orixinal: eliminación dos trienios, cambio do cálculo das pagas de beneficios, creación de dúas novas categorías con salarios máis baixos e en definitiva e segundo as súas palabras, “eliminar todos os elementos obsoletos do actual convenio de banca”, é dicir, que os traballadores e traballadoras renunciemos a dereitos conseguidos e consolidados ao longo de moitos anos. 

Para tentar desbloquear a negociación, vanse empezar a facer a partires do día 16 reunións de traballo semanais para tratar os distintos temas por bloques. Na primeira xuntanza empezaremos a falar da retribución por beneficios. Os acordos ou achegamento de posturas que se podan ir acadando non se farán públicos até o final, pois considérase que forman parte dun todo e por tanto poden ser obxecto de modificación. 

 A CIG somos escépticas sobre os resultados que podamos conseguir con esta metodoloxía de traballo, pois a postura da patronal de manter as súas reivindicacións é moi firme. 

De todos os xeitos imos asistir e participar nestas reunións, pero sen perder o obxectivo que nos levou á Mesa Negociadora: A DEFENSA DOS INTERESES E DEREITOS DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS BANCARIAS E A MELLORA DAS SÚAS CONDICIÓNS LABORAIS, o que significa que en caso necesario mobilizarémonos para impedir que nos quiten o que xa é noso. 

Galiza, 10 de setembro de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario