19 de maio de 2010

De traslados e outros abusos

O ano pasado, os responsables de RRHH do noso Banco en Galiza comunicáronlle a unha compañeira, que ata entón prestaba servizos nunha oficina de A Coruña, o seu traslado forzoso á oficina de Betanzos.

Esta compañeira manifestou o seu desacordo con ese traslado, ante o cal a empresa argumentou que se trataba dun “cambio funcional”, posto que a distancia entre ambas localidades era, segundo eles, inferior a 25 kms. e que, por este motivo, non podía negarse. Deste xeito, e a pesares de que a empresa coñece sobradamente as circunstancias persoais desta traballadora, quen reside na cidade de A Coruña, e é nai de dous nenos pequenos, obrigárona a incorporarse á oficina de Betanzos. Dado que estaba convencida de que se trataba dun traslado, e non do tan manido “cambio funcional”, a compañeira buscou asesoramento xurídico e denunciou ao Banco por este cambio, que a todas luces a prexudicaba.

No xuízo, celebrado posteriormente no Xulgado do Social de A Coruña, a compañeira presentou unha peritaxe “seria”, feita por un profesional independente, quen presentaba distintos itinerarios posibles e nos cales, en calquera caso, a distancia era sempre superior aos 25 kms. Resulta curioso ver que, como argumento ante un Xulgado, os avogados do Banco presentaron como proba a distancia que sinala a afamada e prestixiosa -cando menos entre os afeccionados á boa mesa- Guía Michelín. Cremos que este simple dato dá unha idea da seriedade e rigor con que a nosa bendita empresa decide e xestiona os traslados que nos impón aos traballadores e traballadoras. Pois ben, ante as distintas probas e argumentos esgrimidas por ambas partes, o xuíz tomou a decisión que parece máis lóxica, é dicir, estimar a demanda presentada, e condenar ao Banco a “repoñer á demandante nas súas anteriores condicións de traballo”, negándolle ademais á empresa toda posibilidade de recurso.

Tamén recentemente, e nun xuízo celebrado en Ourense, por mor doutro traslado inxustificado dun traballador e delegado da CIG nesa provincia, o Banco argumentou que ese traslado fora só un dos 274 que tiveron lugar en Galiza no último ano. A empresa presentaba este dato, que é realmente preocupante -ese número de traslados supón case a metade do cadro de persoal do Banco en Galiza-, coma un exemplo da normalidade e frecuencia con que move aos empregados e empregadas dunha oficina para outra. Calquera persoa sensata faría unha lectura moi distinta, entendéndoo coma unha mostra de precariedade, arbitrariedade, e de absoluto desinterese polo xeito en que eses cambios afectan ao persoal, ao traballo, e á vida dos empregados/as afectados.

Unha boa parte dos movementos de persoal efectuados, analizados en detalle, non son en absoluto os pretendidos “cambios funcionais”, senón máis ben traslados en toda regra, impostos e inxustificados. Por enriba, en moitos destes casos, os nosos estimados “compañeiros” de RRHH aínda están aproveitando para rebaixar o salario dos afectados/as, esgrimindo para iso argumentos como que os achegan máis ao seu lugar de residencia, ou que os mandan a oficinas de menor entidade -aínda que non pedisen nin unha cousa nin a outra-. Obviamente, deste xeito o Banco terá máis doado facer a conta de resultados, pero e coma sempre, a nosa conta.

Ante todo isto, dende a CIG animamos a todos os compañeiros e compañeiras afectados por traslados, a analizar se se trata realmente, ou non, de “cambios funcionais” (dentro dos 25 kms.). Se, polo contrario, considerades que sodes obxecto de traslados puros e duros, e que entendedes que estes vos prexudican dalgún xeito, sabede que podedes contar connosco para denunciar calquera abuso por parte da empresa, e co noso compromiso de seguir loitando polo cumprimento, cando menos, da lexislación laboral vixente.

Galiza, 19 de maio de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario