A Dirección de CCOO nos sectores de Banca, Aforro, Centros de Chamadas e
Oficinas, para defenderse dos escándalos destapados polo xornal El Pais
(curiosamente despois das eleccións na banca), declarou que “esto sucede en todos
os sindicatos”. Pretendían xustificar o que consideramos inmoral, facendo ver que
no sector é habitual o pago de sobresoldos a delegados/as liberados/as (que xa
cobran o seu salario das empresas), que é habitual recibir subvencións
multimillonarias das empresas ao tempo que asinaban Expedientes de
Despedimentos e recortes nas condicións laborais, ou que son habituais os gastos
en mariscadas e viaxes suntuosos.
Pensamos que corresponde a CCOO dar explicacións ante os cadros de persoal das
empresas e ante o conxunto da sociedade, pero dado que pretenden estender un
manto de dúbida sobre outros sindicatos, queremos aclarar o seguinte sobre a
actuación da CIG:
1. Ningún delegado ou delegada da CIG cobrou sobresoldos. O noso
traballo sindical é por compromiso persoal e militante. Ademais, en non
poucos casos, ir en candidaturas da CIG provoca persecucións por parte das
empresas. Os delegados e delegadas da CIG non buscan o beneficio persoal.
2. A CIG non asinou ningún acordo que implique un maior salario ou
mellor carreira profesional para os nosos delegados ou delegadas.
3. Cando os delegados e delegadas da CIG visitamos centros de
traballo ou cando nos reunimos, se comemos fóra, cada quen paga o
seu xantar do seu peto.
4. Sendo certo que as empresas teñen o deber legal de colaborar coa
representación legal dos traballadores/as, non caben subvencións
desmedidas, opacas e inxustificadas, e moito menos durante
procesos de reestruturación. Asinar acordos que implican despedimentos
e recortes salariais, ao tempo que se perciben subvencións millonarias das
empresas, é totalmente inmoral e incluso pode ser sospeitoso.
5. Para a CIG, a afiliación dos traballadores e das traballadoras debe
ser a fonte de financiamento sindical, como garante da
independencia na toma de decisións fronte as empresas.
Di o refrán que “pensa o ladrón que todos son da súa condición”, pero non somos
todos iguais.
Galiza, 24 de febreiro de 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario