Ana Patrícia Botín: 8,8 millóns de euros de salario no 2014 |
Pasan os meses e as reunións, aparentemente a negociación segue igual coas posturas moi distantes, como se constatou na reunión do 11 de xuño. Pero os bancos continuaron coa súa carreira de desregulación e reestruturación do sector.
Agora cun plan piloto do BBVA para eliminar os postos de caixa e as operacións en efectivo; o 16 de xuño mobilizarémonos en Santiago para protestar, hai que parar ao BBVA.
A realidade pois é distinta do que sucede na Mesa en Madrid, onde a patronal teima nas súas propostas:
Din que o sector financeiro ten un salario medio dobre ao do conxunto de sectores do Estado. Será polas continuas subas dos salarios das altas direccións. Unha directiva cobra o que 370 traballadores e traballadoras do banco.
Opinan que a aplicación do índice RAE do sector é o que mellor representa ao sector. Pretender vincular o noso salario base a súa xestión é ridículo, temos dereito a cobrar polo noso traballo.
Din que non podemos obrigalos a asinar conceptos que consideran obsoletos. Nós consideramos obsoletas as brutais diferenzas salariais entre os de arriba e os de abaixo, unha fenda que se amplía día a día.
Queren outra fórmula de cálculo para as pagas de beneficios… Para non pagalas.
Din que os trienios non son un patrón salarial. O que non ten sentido é cobrar un salario incerto por un traballo certo.
Teiman en crear novas categorías profesionais máis baixas (para que a masa salarial fixa sexa menor nos novos) e que traballen a “comisión”.
A AEB esquece que na Banca é onde maior é a fenda salarial entre os de arriba e os de abaixo, e entre homes e mulleres. Coas súas propostas de desregulación salarial e máis peso para os salarios extra-convenio a fenda ampliaríase aínda máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario