20 de set. de 2016

ENQUISA COMPROMISO 2016


Avaliacións:

A Dirección, disposta a falsear os resultados para agochar o problema.

Os problemas hai que afrontalos buscándolles solucións, porque falsear os resultados, pode permitir auto enganarse a curto prazo pero agrava os problemas a medio e longo prazo.

Os resultados das avaliacións “compromiso” son sempre os mesmos, e malia que a maior parte do persoal sospeita do anonimato das enquisas, en Galiza é sempre onde peor valorados son os mandos.

Este ano, a Dirección, preocupada polos resultados, decidiu tomar medidas: falsealos. Un grupo de “responsables” de Madrid estase a reunir cos apoderados/as para indicarlles como deben realizarse as avaliacións, co obxectivo de que os mandos que padecemos en Galiza non sexan, unha vez máis, os peor valorados da Entidade.

Agardamos que sexa un caso illado, que non haxa outros departamentos do banco que se dediquen a falsear resultados para agochar problemas, ou si? Ao fin, parece que o custe do fracaso da conta “1|2|3”, que seguen presentando coma un éxito, o asumiu o cadro de persoal (recortouse emprego a través dun ERE e recortáronse as condicións laborais a través da negociación colectiva).

Señores da Alta Dirección: unha e outra vez, e en cada unha das reunións, a CIG expuxo os problemas que padece o cadro de persoal. As avaliacións mostran tamén cal é a situación. Sentémonos a negociar e poñamos en marcha solucións, porque para vir a falsear resultados non fai falta que veñan, non son benvidos.

Outra consideración: non é que os galegos e galegas sexamos máis torpes e non entendamos as preguntas. Non, entendémolas perfectamente, igual que os compañeiros e as compañeiras do resto do Estado, pero facemos as valoracións que consideramos que temos que facer.
Galiza, 19 de setembro de 2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario