1 de feb. de 2010

Xornada nacional polo dereito a unha xornada regulada na Banca

Hoxe a CIG de Banca sacou a rúa en Galiza a histórica reivindicación sindical do dereito a un horario regulado, con concentracións diante dos principais bancos na Coruña e Ourense, tendo previstas novas mobilizacións noutras cidades galegas.
Deste xeito queremos dar contestación á patronal que pretende implantar o traballo baixo pedido, vía obxectivos, a xornada sen límites; un horario desregulado propio do século XIX. E hai que dicilo: coa complicidade dos mal chamados sindicatos de clase CCOO e UGT, endebedados coa gran banca.
Co pretexto de conseguir a libranza dos sábados están facilitando á patronal a implantación dun horario desregulado (flexible, chámanlle eufemisticamente) sen parangón en ningún modelo laboral do mundo civilizado. Só nos países do terceiro mundo é posible que o persoal non teña dereito a unha xornada laboral marcada, traballando as horas que mande o patrón ata que remate o traballo encargado: iso é o horario flexible.
Nin os empresarios, nin os “sindicatos” entregados poden convencernos de que a flexibilidade é o futuro. Cheira aos peores tempos e á máis miserable explotación laboral.
Fronte aos horarios extensivos e os réximes de traballo intensivo, a CIG aposta polo dereito a que a nosa xornada estea dentro dos límites legais, e para iso esiximos a implantación inmediata de controis horarios e rexistros de horas.
Así mesmo, reivindicamos a libranza dos sábados cunha redución da xornada laboral que nos permita crear emprego. Hai 4.000.000 de parados e paradas no Estado, persoas que non teñen o dereito básico a traballar (dereito que os empresarios lembran só cando os sindicatos convocamos folgas) mentres os bancos reciben inxentes axudas públicas, anuncian beneficios insultantes socialmente en tempo de crise, reducen persoal e amplían xornada sen límite.
A CIG está en loita, agardamos contar co voso apoio.
Galiza, 29 de xaneiro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario