1 de mar. de 2010

Defender aos traballadores e traballadoras non é un delito

Foto da mobilización do mes de febreiro en apoio a compañeiro Requeixo

foto dunha das mobilizacións no ano 2009, o compañiero Requeixo co megáfono

O día 24 de febreiro, a CIG mobilizouse diante da oficina principal de Banesto en Ourense, para dar resposta a acción antisindical contra un delegado da CIG represaliado por defender no mes de novembro a un compañeiro inxustamente despedido.

O pasado mes de outubro, Banesto despediu en todo o Estado a 300 persoas, 10 a nivel galego. Un dos compañeiros despedido era da provincia de Ourense e decidiu confiar a súa defensa á CIG. Hai que dicir que o caso deste compañeiro foi illado, a maior parte aceptou a oferta do banco e abandonou a empresa, pero este afectado deu un paso adiante para defender o seu posto de traballo.

Presentamos demanda xudicial e convocamos roldas de prensa e mobilizacións, o que finalmente levou a Banesto a recoñecer a improcedencia (é dicir que o despedimento era inxusto) e a pagar unha indemnización pactada co traballador. Agora, como represalia, a UTRH trasladou ao noso delegado Requeixo dende a Oficina Principal de Ourense (na que hai 20 persoas e nas que están as dependencias do Comité) a outra no Concello limítrofe de Barbadas (na que son só 3 persoas) e
está facendo un seguimento diario do seu traballo.

Para Banesto, que un sindicalista defenda a un despedido, é motivo de castigo. Así mesmo, impuxeron máis traslados arbitrarios a outros delegados da Sección Sindical da CIG por plantar cara contra aqueles despedimentos inxustos.

Pero o efecto previsto pola empresa foi o contrario, se pretendía amedrentarnos para que non defendamos aos compañeiros e compañeiras fronte aos abusos diarios, equivocouse. O seu ataque ao compañeiro Requeixo reforza o noso convencemento, non imos quedar calados fronte aos despedimentos e abusos diarios, nin ante os comportamentos anti-sindicais propios das peores empresas e dos tempos da ditadura franquista.

Mobilizámonos contra aqueles despedimentos inxustos e continuaremos a facelo, por moito que á
dirección do banco lle moleste que alguén se atreva a levarlle a contraria.

Esta mobilización do día 24 é a primeira dunha campaña que continuará en próximas datas. Esiximos da Dirección de Banesto que retire o traslado e o control diario a este compañeiro que só cumpriu coa súa obriga como delegado sindical.

Ourense, 25 de febreiro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario