15 de mar. de 2010

Diferenzas en caixa: máis madeira !!!


Nestes días varios compañeiros e compañeiras foron obxecto de medidas disciplinarias por ter diferenzas en caixa, e outros/as están no punto de mira, pendentes de fiscalización, sentíndose sinxelamente aterrorizados.

Nalgún caso, a responsabilidade última desas diferenzas foron imputadas a traballadores e traballadoras que se atopaban de baixa laboral no momento de producirse as mesmas, tendo incluso a súa orixe hai meses. E é que o aumento do medo, bandeira desta “LA MEJOR EMPRESA PARA TRABAJAR” ao que están enganchados gustosos e incondicionais os “xestores” de RR.HH. de Galiza, está chegando a un límite obsceno e insoportable, ao que a CIG está a dar -como xa sabedes- unha resposta continuada, contundente e pública.

Resulta inconcibible que honestos/as profesionais que traballan ata a extenuación un montón de horas ao día (moitas de balde), nunha empresa onde a conciliación entre vida familiar e laboral é papel mollado, onde hai que simultanear infinidade de prioritarias tarefas e responsabilidades, e na que se esixe unha hipócrita calidade en manifesta contradición coa brutal falta de persoal existente, reciban este lategazo a maiores sen ningún tipo de escrúpulos, con absoluta e humillante falta de respecto á súa sabida e máis que demostrada decencia.

Todos e todas debedes saber e ter en conta que estas cartas de apercibimento entregadas DEBEN SEMPRE CONTESTARSE, xa que as basean no Art. 56.6 do Convenio Colectivo de Banca que fala de “neglixencia no cumprimento dos deberes laborais”, a cal ten a consideración de falta leve. Pero, a maiores, no Art. 52, que fala das faltas graves, di no seu punto 9º que se pode chegar a tal cualificación polo seguinte: “A reincidencia ou reiteración en falta leve, dentro dun período de tres meses, cando mediara sanción por escrito, ...”. Dicir que a falta grave pode ter por sanción (Art. 54.b): suspensión de emprego e soldo, traslado forzoso, inhabilitación para niveis superiores ou perda de nivel. A maiores o Art. 53.12º di que a falta moi grave pódese dar pola “reiteración ou reincidencia en falta grave nun período de doce meses, sempre que mediara sanción por escrito”. A sanción por falta moi grave (en realidade por calquera delas) pode ser o despido (Art. 54.c.5º). En consecuencia non contestar unha carta de apercibimento dá lugar a unha gravísima inseguridade xurídica a futuro para os traballadores e as traballadoras.

A CIG vai esixir ao Banco que cese neste despropósito, que se retiren inmediatamente as cartas de apercibimento entregadas a estes compañeiros e compañeiras e a todos nós, xa que todos somos destinatarios deses apercibimentos, todos somos destinatarios dese medo. Se algo lles queda de sentido común a estes iluminados “xestores”, deberan saber que é natural que as oficinas teñan de cando en vez diferenzas en caixa; intentar reducilas a cero con sancións e o manoseado e exemplarizante medo, é ampliar o coto de caza, abrir outra canle cara ao despido e ao abaratamento de custes. Que saiban que se ese é o camiño, terannos incondicionalmente enfronte neste conflito laboral que só eles quixeron iniciar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario