14 de abr. de 2010

Enrólate no Banesto e coñecerás mundo

Banesto realizou 274 traslados no ano 2009 sobre un cadro de 550 persoas na Galiza, todos máis alá dos 25 quilómetros, un record difícil de bater. Despois dende a Dirección dín que hai unha especial preocupación polo que consideran malos resultados comerciais do Banco en Galiza e que non saben a razón. Enrólate no Banesto e coñecerás mundo.

Por moitas voltas que lle dan son incapaces de ver cal é o problema. O resolven con maior presión comercial e acosando laboralmente ao persoal. Sen dúbida a tesitura actual é favorable para captar depósitos, pero algo non funciona no Banesto.

O ano pasado o Banesto fixo en Galiza 274 traslados sobre un cadro de 550 persoas, segundo informou o propio banco no xuízo celebrado en Ourense polo traslado antisindical do noso compañeiro Requeixo. Trataban de xustificar así unha medida claramente antisindical, pero por moito que se empecinen nin é normal trasladar a un delegado por defender a un compañeiro inxustamente despedido, nin é normal someter ao cadro de persoal a traslados permanentes que en nada benefician á rede comercial.

Hai persoas que pasaron por catro oficinas distintas en pouco máis dun mes, nalgún caso foron trasladadas comunicándolle que era preciso que botaran unha man na nova oficina, pero aos poucos días foron vítimas dun novo traslado. Así é imposible consolidar as equipas comerciais das oficinas e que polo tanto, que o traballo comercial teña a tan necesaria estabilidade.

Os constantes traslados responden a falta de persoal polo que constantemente hai que espir un santo para vestir outro e así mal podemos funcionar. Pero tamén a unha mala planificación por parte de RRHH que lastra a labor comercial.

Dende a CIG xa temos solicitado unha reunión para falar da política de mobilidade xeográfica dentro das oficinas de Galiza, pensamos que debemos dotarnos dun marco estable en beneficio do persoal, pero tamén do propio Banco.

Galiza é unha zona captadora de recursos, dende a rede comercial temos demostrado que somos capaces de vender o que faga falta, só pedimos que nos deixen facer o noso traballo tranquilos e que as equipas de oficinas teñan unha mínima estabilidade. Agardamos que se impoña a cordura polo ben de todos e todas neste difícil marco de crise económica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario