22 de xuño de 2010

Mobilización na OP de Vigo







Onte día 22, denunciamos publicamente nunha concentración feita na O.P. de Vigo, a gravísima situación que o persoal de Banesto está a soportar no noso país dende hai tempo e que, cada día que pasa, faise máis insoportable laboralmente.

Esta Territorial parece sinxelamente un polo sen cabeza. Os continuos e amedrentadores traslados dos traballadores/as (278 nun só ano, máis da metade do cadro de persoal en Galiza), o incremento da burocracia normativa e o medo transmitido polo seu mal cumprimento, os esaxerados obxectivos fiscalizados ducias de veces de múltiples formas e maneiras, en horas nas que non hai tempo nin para xantar dignamente, a incrible redución dos cadros de persoal das oficinas, a descarada e ilegal prolongación da xornada laboral..., todo iso, ten como consecuencia a máis grande desmotivación dos traballadores/as que se lembra no noso país, máis incluso que cando foi a intervención de Banesto: sen comparación.

É obsceno que nun momento no que o paro ten secuestradas a moitas familias galegas e no que os recortes sociais e económicos desalentan e castran o futuro da nosa sociedade, en Banesto Galiza se fagan máis de 250.000 “horas extraordinarias” non remuneradas nin declaradas, convertendo a este banco nun impresentable defraudador fiscal e laboral cara a Seguridade Social e a Facenda Pública.

A maiores, os arbitrarios despedimentos -xa que non todos os traballadores/as son tratados co mesma vara de medir- están a orde do día. En datas pasadas tocoulle a María del Mar, unha boa compañeira e excelente traballadora de Vigo. A responsable da UTR e o seu segundo, o Territorial, non teñen nin idea do desagrado e noxo con que foi acollido este despedimento entre as persoas que coñeciamos a María del Mar. Despedimento disciplinario e punto final, así de fácil se cuestiona a profesionalidade dunha compañeira. A posteriori, o propio banco recoñeceu no SMAC a improcedencia do mesmo, é dicir, recoñeceu que foi un despedimento inxusto e a nosa compañeira, afiliada a outro sindicato, queixouse amargamente porque ninguén a defendeu. Mentres tanto, arriba seguen os mesmos de sempre xestionando a crise coa mesma insensatez e torpeza de sempre, eses non son despedidos: para chorar.

Ante esta gravísima situación esta Sección Sindical ten solicitadas entrevistas hai meses cos responsables das relacións laborais do Banco e co Director Territorial Sr. Pantoja, sen que ata o de agora tivésemos resposta.

Na CIG non imos quedar parados, continuaremos denunciando nas Inspeccións de Traballo todo o denunciable, e tamén na rúa mediante concentracións nas distintas cabeceiras de zona, para que a sociedade sexa coñecedora do que está a pasar neste banco. Na súa ignorancia, as persoas responsables desta desfeita nos obrigan a escoller este camiño. Eles mirarán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario