28 de xul. de 2010

Non bebades veleno

A democracia é así: enormemente grande e fermosa a maioría das veces, pero tremendamente pequena e mediocre outras. Non é pequena e mediocre en si mesma, inféctase polos que intentan manipulala de mil maneiras para manter privilexios ou posicións de forza, cando hai indecentes que se aproveitan das súas necesarias e decentes regras. A súa grandeza é que grazas a ela as persoas reivindican en liberdade intereses comúns. Como traballadores/as -e despois do linchamento laboral que estamos a vivir no Banesto nos últimos tempos- ¿cal é o voso interese común?

Na defensa dese interese común, da nosa dignidade de traballadores e traballadoras, nun momento tan complicado como o que estamos a padecer, a empresa -paradoxos da democracia- tenta ter “un lugar baixo o sol” a través do sindicalismo amarelo: é o seu dereito. Eles, que teñen todos os medios para facilitar a motivación e a convivencia laboral, necesitan dunha organización de traballadores/as para escoitarse a si mesmos: de risa. Pedímosvos que non tratedes este asunto con lixeireza, parade un momento, analizar na vosa intimidade de empregados/as de Banesto se os seus ocultos e verdadeiros intereses van da man dos vosos.

O sindicalismo amarelo busca facer ananos aos sindicatos de clase, acalar -aínda máis- a vosa voz, o dereito á vosa capacidade de resposta. O sindicato amarelo e de empresa ten o clientelismo por toda actividade sindical, pois o clientelismo/paternalismo e un magnífico camiño para tervos aínda máis secuestrados/as, é un paso atrás, unha gravísima concesión que dignifican -se poden- polo voso voto, voto que vos piden ás veces con xesto amable e outras non tan amable. A empresa, a través de agrupacións (non as chamedes sindicatos, volo pedimos por favor) que ela mesma anima institucionalmente, nutridas de traballadores/as de certa ascendencia no organigrama, busca exterminar e controlar os vosos dereitos laborais e utilizarvos contra vos mesmos/as: e é que se teñen o poder natural que dá ser os patróns e, aínda por riba, as vosas bendicións nunha representación laboral de infiltrados na loita obreira, “miel sobre hojuelas”.

¿Pensades que realmente unha mellora das vosas condicións laborais pasa por ese clientelismo de ventanilla onde nada é de balde?; ou, máis ben, ¿será ese mesmo clientelismo o que nos levará a un individualismo que nos debilitará definitivamente a todos/as? ¿Imaxinades a eses que hoxe vos piden o aplauso, o voso máis íntimo, sagrado e importante apoio que é o voto, imaxinádelos -vos preguntamos- combatendo a inxustiza na rúa detrás dunha pancarta ou nas inspeccións de traballo? ¿Imaxinádelos loitando nos tribunais por vós e a vosa dignidade de traballadores/as? Nós os imaxinamos máis ben revirando as costas no reclamo de todo o voso, e facendo de cando en vez algunha concesión graciosa no que por dereito regulado vos pertence. Se sodes submisos, esas concesións -non o dubidedes- terán o selo de favores que vos lembrarán cando lles pete, e que endexamais daredes pago.

Están facéndonos pasar malos e desagradables momentos en Banesto, o panorama sécanos a boca e ponnos o corazón nun puño, sabemos que moitas veces vos sentides indefensos e que estades medrosos e sedentos de amparo. Nós estamos e seguiremos estando eiquí, xa miraredes, non temos dubidas. Só vos pedimos que non deixedes que esa sede, esas ansias de beber, vola calmen con veleno.

Galiza, 26 de xullo de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario