14 de set. de 2010

Paremos os bancos e caixas o 29 de setembro (I)

Coa lexislación laboral que derrogou a reforma laboral, o Estado español foi líder na creación de emprego; o problema foi que o emprego era temporal, precario e doado de destruír en tempos de crise. A reforma laboral avanza en converter os contratos fixos en temporais, facilitando e abaratando o despedimento. Esta reforma non era a precisa e non creará emprego. A crise é unha escusa para impoñer un novo modelo económico, social e laboral. Por iso a CIG convocou FOLGA XERAL o 29 de setembro.
Moitos empregados e empregadas do sector financeiro pensaban que viviamos nunha burbulla protectora; nunca foi certo, pero as novas reformas aféctannos de cheo.
O goberno Aznar inventou o “despedimento express” algo que no sector financeiro pasou bastante desapercibido, pero que foi utilizado pola maior parte da banca facendo que minguase a resposta aos despedimentos. Co despedimento express, as empresas recoñecían no momento do despedimento a improcedencia do mesmo (é dicir que era sen motivo) consignando no Xulgado a indemnización de 45 días por ano traballado cun máximo de 42 mensualidades, aforrando ademais os salarios de tramitación.
Agora a reforma laboral aprobada polo PSOE avanza na liña do despedimento express e amplía as causas dos despedimentos obxectivos, é dicir, cunha indemnización de 20 días por ano traballado e un máximo de 12 mensualidades. Xa hai entidades como o Banco Gallego que están tratando de utilizar esa nova vía. Pretenden poder despedirnos inxustamente cun ano de salario.
No seu proceso de reconversión, as Caixas de Aforros tamén están aproveitando as facilidades que dá a reforma laboral ás empresas para aplicar medidas de carácter colectivo, as Caixas están prexubilando a través dun ERE, unha vía que ameaza con converterse en norma en todo o sector financeiro. O goberno mudou temporalmente o tratamento fiscal das indemnizacións que reciben os traballadores/as vítimas dun ERE, o que fai atractivas fiscalmente estas prexubilacións, malia que a costa de suprimir a progresividade fiscal. Que pasará coa vía aberta de Expedientes de Regulación de Emprego cando rematen as vacacións fiscais?
Así mesmo, a reforma afecta noutras cuestións máis alá dos despedimentos que explicaremos posteriormente. Estamos vendidos, a democracia esvaeceuse dos postos de traballo, vivimos na ditadura dos empresarios. As reformas conformarán a estrutura dun novo modelo laboral, económico e social onde temos as de perder.
Os traballadores e traballadoras do sector financeiro temos motivos de abondo para ir á FOLGA en calquera banco ou caixa sen que houbera reforma laboral, pero agora que pretenden impoñernos máis traslados, despedimentos e recortes salariais debemos unir as nosas forzas e participar activamente na FOLGA XERAL DO 29 DE SETEMBRO. Indo a folga, asistindo aos piquetes e as mobilizacións convocadas. Paremos as empresas e aos seus gobernos-monicreques.Galiza, 13 de setembro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario