2 de dec. de 2010

Sábados: tiñamos razón

Nesta Sección Sindical de CIG en Banesto, decidimos non valorar no seu momento o acordo dos sábados subscrito entre o Banco e os sindicatos estatais.

Nos diferentes comunicados que vos fixemos chegar antes de que se asinara aquel, estaba honesta e suficientemente explicada a realidade da situación que se lle viña enriba ao Banco, expuxemos con claridade e honestidade o que non queriamos para vós, as trampas que podían levar (como así foi) a un acordo indigno para a magnífica posición de partida que tiñamos para negociar: aos bancos, e Banesto non era unha excepción, non lles compensaba abrir os sábados. Xa estaba todo dito, e quixemos que, sen oportunismos, cada cal fixera as valoracións que estimase.

Pero ao final, o acordo ten todo aquilo no que dixemos non se podía ceder de ningunha maneira. As présas, xa se sabe, son malas conselleiras, e foron as présas e as ansias de vender a libranza dos sábados nas próximas eleccións sindicais, as que nos deron o que temos. Da noite a mañá tras “durísimas negociacións”, e non sen antes prepararnos comunicado tras comunicado, atopámonos co peor acordo de todos os que se teñen asinado no resto entidades, o peor.

Un bo día aparecéronnos coa bolsa de horas sen regulación no seu cómputo, coa apertura das tres tardes (eliminándose así a histórica xornada de mañá), con esa estipulación cuarta que condena ao persoal directivo á “discrecionalidade e flexibilidade horarias necesarias”, e tamén coa incomprensible discriminación deses compañeiros/as que, polo feito de estar encadrados/as en “oficinas singulares” (ao final máis das que se negociaran), quedaban a velas vir e tiñan que seguir traballando; nunha situación operativa, por certo, máis propia do camarote dos Irmáns Marx, porque, tal como avisamos, dende hai meses: OS SÁBADOS NON SON OPERATIVOS.

Se agora decidimos volver ao tema, é porque se nos dá a razón en algo que tiñamos avisado: dixemos que unha falta de control horario podería ser a porta aberta a unha flexibilidade horaria total, a coartada perfecta do Banco ante as Inspeccións de Traballo. Pois ben, recentemente, e dentro da campaña que a nosa Sección Sindical está a levar a cabo contra a prolongación ilegal da xornada, presentáronse un feixe de denuncias en distintas Delegacións de Traballo por todo o país.

Ata o de agora, as propostas de sancións para o Banco eran considerables e abundantes, pero esta é a primeira que nos chega despois do acordo de marras, o cal foi presentado como alegación por xestores de RR.HH. da Territorial, e da que transcribimos parte polo seu interese: “Como resultado de estas actuaciones se ha comprobado que la empresa aplica el convenio colectivo general de banca privada, remitiéndose al mismo en materia de regulación de jornada y horario, si bien con fecha 24 de septiembre se ha firmado acuerdo entre la dirección de la empresa y las secciones sindicales mayoritarias en los comités de empresa que modifica la normativa general. Conforme a este acuerdo se establece la distribución irregular de la jornada para el personal directivo y comercial con nivel de técnico que, sin suponer un incremento de la misma, permite alteraciones de horario y un cómputo anual de horas trabajadas”.

É dicir, a estas alturas, os traballadores e traballadoras de Banesto non teñen unha xornada definida, a empresa ten un cheque en branco que a exime ante as Inspeccións de Traballo. Traballar de sol a sol, está amparado por un acordo asinado ás présas e correndo. Sábados libres si, ¿pero a cambio de que? A “reivindicación histórica” saíu moi cara.

Galiza, 2 de decembro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario