14 de dec. de 2010

De certezas e incertezas

A incerteza impregna a situación económica, tamén o futuro das entidades financeiras e, como non, do Banesto. É normal a preocupación entre os traballadores e as traballadoras sobre o futuro, ante as noticias, ruxerruxes e cambios na Dirección.
Ante os rumores sobre o futuro, o primeiro que fixemos como CIG foi dirixirnos á Dirección, para tratar de ter información. Informar ao persoal, facelo partícipe, mellorar o clima laboral, contar con el, é a mellor vacina nos malos tempos.
En todo caso, non podemos compartir o que afirma concesiones obreras no seu comunicado titulado “Banesto: certezas ante la incertidumbre”, que ten un cheiro a mensaxe máis propio dun empresario, que dun sindicato. Vén dicir que os traballadores e as traballadoras debemos calar, e remar ao ritmo que nos marquen.
É normal que o persoal sexa vítima da incerteza, que pregunte, que estea atento ás noticias sobre o futuro, sobre todo vendo que noutras empresas do sector en proceso de reconversión están caendo ERE’s (por certo asinados por CCOO). Non se lle pode dicir a calar e a currar.
Insistimos en que sería positivo contar máis co persoal, mellorar o clima laboral, que a Dirección do Banco informe puntualmente sobre os plans de futuro.
En todo caso, é certo que rematada a reconversión das caixas comezará a da banca. A única certeza é que nas caixas houbo Expedientes de Regulación de Emprego masivos, a única incerteza sindical é se chegarán aos bancos (tamén temos a certeza do que faría CCOO, que asinou todos e cada un dos ERE’s das baixas xunto cos sindicatos “independentes” e de empresa).
Estamos en pleno proceso electoral. Se sempre son importantes, hoxe máis que nunca, a CIG ten un compromiso claro en defensa do emprego, malia que ás veces suframos as consecuencias, e non temos asinado ERE’s no sector financeiro. Unha certeza en tempos de incerteza que agardamos que todos e todas vós, valoredes na súa xusta medida.
Galiza, 9 de decembro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario