14 de dec. de 2010

ESTAMOS FARTOS

“Dentro dun par de semanas estará vostede nalgún distrito con 11 ou 12 homes fixándose en todo o que faga. Algúns serán bos policías, outros serán novos e estúpidos, uns cantos serán unha merda, pero todos o tomarán a vostede cómo referencia. Se vostede mostra lealdade aprenderán a ser leais, se lles mostra amor ao traballo eles amarán o traballo, se lles mostra calquera tipo de xogo, entón será iso ao que xoguen. Eu comecei no Este, e había un tenente de merda que morría por ser capitán, sarxentos de merda que morrían por ser tenentes, pronto tivemos axentes de merda que só querían apuntarse o tanto, e moitas de estas manchas xa non se quitan ni con lixivia”.
Da serie “The Wire”
Na recente presentación da nova Directora Territorial aos Sindicatos, esta díxonos que a súa impresión sobre ao cadro de persoal de Galiza era que nos atopaba “tristes e coa autoestima baixa”, e que, aínda así, consideraba que estaba cheo de excelentes profesionais. Non dixo máis, non entrou en razóns, non sabemos se sospeita cal é a orixe de tanto desencanto, polo que o Banco no noso País veu converterse nun suburbio profesional. Por se acaso, queremos axudarlle, pese a que o discurso que utilizou na súa chegada aquí non propiciou a motivación precisamente.
Mire señora:
Estamos fartos de padecer os mesmos directivos de sempre, mordomos en permanente estado de rotación, aos que non se lles mira –salvo en moi contadas excepcións– ningún tipo de excelencia pola que podan gañar o noso respecto profesional. Fartos de que dirixan os destinos desta territorial xente sen ningún criterio creativo, medrosamente irresolutiva, sen amor ao Banco e ao traballo, que adornan a súa xornada con horas e horas como tributo a xerarquía e así poder esconder a súa ineptitude: salarios tirados.
Estamos cheos de que se nos trate como vagos e aprofesionais por directores de zona que non dan apoio e gobernan por control remoto, meros capataces que xogan ás escondidas cando se lles precisa, que só saben pasar –como os curas– o cepillo varias veces ao día, nesas absurdas e desvirtuadas –por reiteradas e faltas de contido– reunións de alcohólicos anónimos que son as multiconferencias. Zonas –irrespectuosos algúns– só pendentes das puñeteiras estatísticas, tipos que non contaxian ilusión nin fiabilidade, fieis cumpridores co guión para que non os chimpen.
Estamos aburridos dos mal chamados “Recursos Humanos” que –salvo nos últimos tempos nos que andan (paradoxo) a hipnotizar a xente xogando a sindicalistas– non se lles adiviña sensibilidade algunha de cara a nós. A sensación é que no seu labor nada é planificado, que todo é improvisación nunha política de pan e cenoria, que esconden a súa ineptitude na arrogancia que dá o poder de decidir sobre un xornal, que volven as costas a calquera tipo de conciliación, que non se lles mira un traballo rigoroso cando teñen nas mans o noso destino profesional e en consecuencia o da nosa Empresa.
Estamos, en definitiva, cansos de vivir presos do medo e da ansiedade, do inmediato e das urxencias, da desilusión, do engano e a insensatez, do abandono á nosa sorte e a falta de apoio, das distintas varas de medir, de tanta insultante e descarada ineptitude, dos amiguismos, da falta de respecto, das aparencias, de tanto supervivente fachendoso, de manter a outros que non o merecen co noso esforzo,… estamos preocupados por este desastre de xestión e polo noso futuro incerto. ¿Vostede non?
Galiza, 13 de decembro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario