16 de dec. de 2010

De flexibilidade, folgas e outras historias

O pasado mes de setembro asistimos a unha convocatoria de Folga Xeral á que estabamos chamados a participar os traballadores e traballadoras do sector financeiro. A CIG fixo convocatoria propia, tanto da folga como das mobilizacións e somos coherentes con aquela convocatoria na nosa actuación no sector financeiro. Non asinamos ERE’s en entidades financeiras ao pairo da reforma, nin traslados colectivos, nin negociamos flexibilidade de ningún tipo nos bancos.

Outros sindicatos tamén convocaron Folga Xeral ese día; entre outras cuestións, contra a flexibilidade que a reforma laboral impón a favor das empresas, en materia de traslados, xornada, etc. Así mesmo, contra a facilidade para que as empresas promovan ERE’s e despidan ao seu persoal.

Mentres facían un chamamento á folga xeral, na banca, eses sindicatos continuaron asinando acordos en materia de horario que desregulan e flexibilizan a xornada laboral no sector. A cambio da libranza dos sábados, que hoxe todos sabemos que non son operativos e foron declarados inhábiles pola AEB en febreiro de 2010.

Por que están en contra da flexibilidade que impón a reforma, pero facilitan aos bancos flexibilidade horaria? Terán que responder a esa pregunta.

Pero as súas contradicións non rematan aí: dentro do sector financeiro estamos asistindo á reconversión e privatización das Caixas de Aforros. Despois de meter unha folga xeral contra as facilidades en materia de traslados e contra as facilidades para levar a cabo ERE’s, eses mesmos sindicatos están acordando traslados colectivos e expedientes de regulación de emprego conforme a reforma laboral.

A crise económica e financeira non rematou, traballar nunha entidade financeira non é garantía de que os recortes e reformas laborais, das pensións ou as medidas que ao amparo destas reformas podan tomar as empresas, non nos afecten. O que hoxe sucede nas Caixas, pode rematar, antes que cedo, chegando á banca privada.

A CIG está actuando con coherencia, nin está a favor das reformas laborais nin apoia que se apliquen estas reformas nas entidades financeiras. Nós mantemos a coherencia e o compromiso honesto cos traballadores e as traballadoras.

Galiza, 9 de decembro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario