16 de dec. de 2010

ELECCIÓNS 2010

De novo abordamos o proceso de eleccións sindicais para elixir ás persoas e sindicatos que nos representarán nos vindeiros anos. É un dereito, pero tamén unha necesidade. Elixiremos a quen deberá canalizar as reivindicacións, recibir información, ou negociar as condicións de traballo.

Compromiso e garantía

Pero estas eleccións sindicais danse nunha conxuntura especialmente agresiva para a clase traballadora, xogámonos moito para defender e mellorar as nosas condicións laborais. Os axustes aprobados a nivel xeral aféctannos, as reformas laborais, a reforma da negociación colectiva ou a reforma das pensións son un ataque contra os nosos dereitos que favorecen a patronal. Reducir a acción sindical ao ámbito da empresa debilita a posición dos traballadores e traballadoras, por iso as persoas que formamos parte das candidaturas da CIG apostamos por unha organización nacionalista e de clase.

Porque a vontade de responder aos ataques e loitar por unhas condicións laborais e de vida digna, son sinais de identidade das persoas que integramos a CIG. Resultará determinante que, nesta situación, as persoas elixidas teñan o respaldo e apoio dun sindicato fortemente comprometido, por iso as nosas candidaturas son unha garantía.

Forza e respaldo

Os últimos catro anos os delegados e delegadas da CIG deron resposta as necesidades dos traballadores e traballadoras no noso banco, negociando coa empresa, manténdovos informados/as dos vosos dereitos, asesorando e apoiando a quen tivo problemas e denunciando e dando resposta sindical cando foi preciso. E formándose para poder dar resposta a un marco cambiante.

Pero as persoas que representan á CIG, manteñen un compromiso solidario que respalda a nosa forza para contestar as agresión laborais alá onde se produzan, mantendo a nosa capacidade reivindicativa e mobilizadora.

Mobilizándonos contra os despedimentos inxustos nos bancos onde se deron; mobilizámonos a nivel do sector polo mantemento do poder adquisitivo; contra o peche de centros de traballo e a redución de persoal; ou polo dereito a libranza dos sábados, pero asociada ao dereito a ter unha xornada regulada, un horario.

Nesa perspectiva convidámoste a votar a nosa candidatura. Por rigor, coherencia e honestidade, a CIG é a única opción.

Ningún comentario:

Publicar un comentario