21 de dec. de 2010

¡¡Gañou... ¡¡Gañamos!!

A situación máis dura á que se ten que enfrontar un delegado sindical responsable e feito de boa madeira é, sen dúbida, un despedimento. É ese un momento que o golpea no máis intimo do seu compromiso, un momento no que inescusablemente debe prestar a máxima atención xurídica, negociadora e moral ao compañeiro/a que recibe a puñalada. Son estas situacións tremendamente ingratas, as que nunca esquecerá, que lle quedarán rexistradas –todas e cada una delas– de por vida na súa conciencia sindical.

Aínda que neste entreacto que están a ser para a Territorial de Galicia as eleccións sindicais, onde está a mostrar a súa cara máis amable para así favorecer a parodia do seu mal chamado “sindicato”, aínda así, dicimos, non debemos esquecer as súas vítimas; non esquezamos que ao longo de 2009 e 2010, os xestores de RRHH puxeron na rúa a un feixe de traballadores/as de xeito moitas veces indigno, pero sempre implacablemente insensible.

A nosa Sección Sindical interesouse, como é a súa obriga, por todos e cada un destes despedimentos, asesorando e ofrecendo todo o apoio necesario da nosa organización para as accións que individualmente se quixeran levar a cabo. Ao mesmo tempo, denunciamos tanto na rúa como en todos os medios públicos posibles o, ao noso xuízo, ERE encuberto que estábamos a padecer no Banesto. A vinganza do Banco contra este traballo da CIG non se fixo esperar, arremetendo contra un dos delegados máis incansablemente batalladores nese conflito: o Presidente do Comité de Empresa de Ourense Xosé Manuel Requeixo Abelairas.

De xeito inxustificado, inexplicable e fulminante, este delegado foi trasladado pola empresa fóra da sucursal de Ourense O.P. onde traballaba, coa clarísima intención de amedrentalo, render o seu ánimo e imposibilitar todo o posible o seu sempre impecable traballo sindical na defensa dos seus compañeiros/as despedidos/as. Mediron mal: en sentenza de 14 de decembro do 2010 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, vén dar a razón ao noso delegado no recurso de suplicación que interpuxo, declarando “…la nulidad de la decisión empresarial de traslado por vulneración de los derechos fundamentales del actor, debiendo ser repuesto el trabajador en su puesto de trabajo de origen… así como se le abone al trabajador demandante la cantidad de DOS MIL QUINIENTOS EUROS (2.500 EUROS) en concepto de daños morales y profesionales…”

Con este fallo gañamos todos/as, os e as que aínda quedamos, pero tamén quen xa non están entre nós, xente nova a maioría, que iniciara con ilusión a súa vida laboral na nosa empresa, crendo naquel gran fraude: “Banesto, la mejor empresa para trabajar”.

A premonición é que veñen tempos delicados, non se vos debe ocultar que serán tempos nos que en Banesto os sindicatos independentes e combativos serán necesarios, imprescindibles para organizar unha resposta seria e valente na defensa dos intereses dos traballadores/as. Sabedes -ás probas nos remitimos- que os nosos delegados nunca dimitiron desas responsabilidades.

O día 22 e un día moi importante na vosa vida profesional, máis do que imaxinades. Tedes a oportunidade e a obriga de ser meditadamente egoístas na vosa elección “Os da CIG” pedímosvos que nos prestedes o honor de representarvos, de ser a vosa voz, os vosos máis sentidos defensores/as. Por iso solicitamos o voso voto, por iso e porque llo debemos aos/ás que xa non están.

Galiza, 20 de decembro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario