28 de feb. de 2011

UF’S: Despidos e outras responsabilidades

Hai moito tempo estamos observando irregularidades que, día a día, e cada vez máis, veñen envolvéndonos nunha espiral sen saída, e que ao fin rematan por deixar algunha vítima polo camiño que sumar á desfeita da política de RR.HH. na nosa UTR de Galiza.

Dende a CIG sempre vimos insistindo na necesidade e obrigatoriedade de levar a cabo unha estrita e correcta utilización dos chamados UF’S, claves e contrasinais que cada traballador/a ten asignados na nosa empresa.

Todos e todas sabemos que é practica habitual, na nosa UTR, enviar a un traballador ou traballadora dunha oficina a outra para cubrir unha baixa, vacacións, etc., sen asignación á oficina á que vai destinada esta persoa, co cal, ten que utilizar todas as claves e contrasinais do compañeiro ou compañeira a quen substitúe e, en consecuencia, coas atribucións que o rango lle outorgara á persoa substituída. Este intercambio de claves e contrasinais, sucede tamén nas tempadas en que se incorpora persoal de ETT’s, que durante o tempo de contratación, usan as claves de acceso dos compañeiros ou compañeiras das oficinas ás que se lles vai destinando en cada caso.

Tamén é de dominio público no noso banco en Galiza, que as oficinas están escasas de persoal e que esta “secuencia” de ir de oficina en oficina ao pairo dos “imprevistos”, repítese cada vez máis a miúdo.

O habitual non é o correcto, pero está claro que fai costume, que non deixa de ser unha costume moi perigosa; se ademais, aos responsables de RR.HH. de Galiza, que practican diariamente este xogo da corda frouxa, non lles presupón ningún risco... pois iso, “miel sobre hojuelas”.

As responsabilidades derivadas dunha fraudulenta utilización dos medios informáticos, das redes de intranet e internet, dos correos electrónicos, das bases de datos das persoas, etc., son materia realmente seria e perigosa. A Lei de Protección de Datos é tremendamente estrita e rigorosa. Calquera falta ou delito cometido pola vía das novas tecnoloxías pode ter resultados legais fatais. Un delito informático pode supor ate unha condena de cadea, para quen comete o delito, ou para a persoa que prestou as súas claves ou contrasinais, e confiou no delincuente.

A mensaxe que queremos enviarvos é moi clara:

¡CUMPRAMOS A NORMATIVA DE SEGURIDADE EN CANTO AO USO DE CLAVES E CONTRASINAIS!

Esa normativa que repetidamente nos ten feito chegar a empresa en correos e avisos, que nos lembra que “as claves e contrasinais que nos asignan para traballar nos aparellos informáticos da empresa son persoais, e é responsabilidade de cada traballador/a o seu uso correcto”. Avisos estes cos que ao mesmo tempo cobren as súas costas, para logo dicirche ante o mínimo problema: “¡Estabas ben avisado/a!”, e sacudirse así de enriba toda a responsabilidade que puidera derivar nalgún persoal directivo, aínda que sexan quen nos obrigaron a vulnerar a citada normativa.

A principios deste mes foi despedida (iso si, asumindo a empresa a improcedencia do despido) unha compañeira. Ela non fixo nada, non cometeu ningún delito... pero alguén utilizou o seu ordenador, e hoxe a nosa compañeira xa está engrosando a triste lista das persoas desempregadas deste país.

Galiza, 18 de febreiro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario