14 de xan. de 2011

27 de xaneiro: Folga Xeral !!!

O pasado 28 de decembro, a CIG rexistrou a convocatoria de FOLGA XERAL para o vindeiro día 27 de xaneiro ante os novos recortes e reformas anunciadas polo Goberno central.

Estamos ante os maiores recortes sociais e de dereitos laborais dos últimos 40 anos, coa crise como escusa. Durante a tramitación da reforma laboral outros sindicatos apostaron por unha suposta negociación ata que, finalmente, a reforma foi aprobada unilateralmente polo Goberno e a dereita, convocando a FOLGA XERAL do 29 de setembro con posterioridade.

A reforma do sistema público de pensións pretende recortar as prestacións e alongar a vida laboral. Os argumentos desa reforma son totalmente falsos.

O Goberno anunciou tamén a reforma da negociación colectiva por acordo ou por decreto; pretenden eliminar a ultraactividade dos convenios, é dicir, que cando un convenio remata a súa vixencia, os dereitos laborais desaparecerían co mesmo, debendo negociar dende cero as condicións laborais. Unha reforma que a patronal vén defendendo dende tempos de Aznar; xa daquelas, a mobilización sindical freou a intención do Goberno.

Os dereitos laborais conseguidos froito do sacrificio dos traballadores e traballadoras, da loita sindical dun século, están sendo eliminados en nome dos mercados, é dicir, das empresas e de quen manexa os bancos de investimento, fondos de investimento e fondos de inversión: o capital e a oligarquía financeira.

Mentres se reproducen as reformas que facilitan os despedimentos, recortan dereitos laborais, recortan as pensións e alongan a vida laboral, Galiza está asistindo a unha destrución de emprego en maior medida que o resto do Estado, ante a parálise do goberno de Feijoo.

Ante esta situación a CIG mantén a convocatoria de FOLGA XERAL para o día 27 de xaneiro:

O día 27 de xaneiro todos e todas á FOLGA XERAL

En defensa das pensións e do emprego

Galiza, 13 de xaneiro de 2011

1 comentario:

Anónimo dixo...

http://www.cincodias.com/articulo/empresas/Ana-Botin-gana-32-millones-euros-sube-plan-pensiones-millones/20110122cdscdiemp_11/

Publicar un comentario