20 de abr. de 2011

Constituída a mesa negociadora do Convenio da Banca

O día 31 de marzo constituíuse a mesa negociadora do Convenio de Banca, na que a CIG, sindicato maioritario a nivel galego, reivindicou unha vez máis un Convenio Galego, unha descentralización da negociación colectiva que defenderemos o vindeiro 5 de abril manifestándonos en Madrid.



Pola súa parte a AEB, que fixo unha intervención xeral sobre o marco en que se dá esta negociación, avanzou varios dos puntos nos que quere incidir: desaparición da antigüidade (unha teima de todas as patronais) e traer ao convenio a flexibilidade horaria pactada a nivel dos diferentes bancos.



Destacou a AEB que malia a crise económica que consideran externa, a Banca española demostrou unha gran fortaleza e que vai ben. Ademais a actual reestruturación do sector financeiro pode ser unha oportunidade para a banca privada, polo que dende a CIG consideramos que a negociación dáse nun marco expansivo que nos debería permitir avances significativos na regulación das condicións laborais.



Malia non ser habitual temos que ser críticos con CCOO: no seu comunicado previo “Propostas para o XXII Convenio de Banca” falou de que “se afronta el convenio en circunstancias bastantes difíciles...”, “no ignoramos la situación económica actual que vivimos”. A patronal di que a Banca vai ben e o sindicato que ten a maioría na mesa di que as cousas están mal, un derrotismo sindical perigoso que quizais tenta xustificar antes de tempo a sinatura dun mal convenio.



Tamén queremos deixar claro que cun IPC situado en torno ao 3,6%, a CIG considera insuficiente a proposta de suba salarial entre o 1-2% proposta por ese sindicato.



Coma en todas as negociacións precedentes a patronal virá a tentar tirar vantaxes recortando condicións laborais. E sindicalmente co derrotismo imposibilítase unha unidade de acción que podería ser importante nalgún momento da negociación.



A vindeira reunión quedou convocada para o 27 de abril.


Galiza, 31 de marzo de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario