28 de abr. de 2011

Convenio Colectivo Banca - Plataforma da CIG

Onte día 27, presentamos na Mesa Negociadora do Convenio Colectivo da Banca en Madrid a Plataforma coas nosas reivindicacións para mellorar a defensa dos dereitos de todo o persoal do sector, a recoller no XXII Convenio de Banca.


Estamos a facer un traballo exhaustivo xa que o texto do Convenio precisa dun profundo repaso, tanto de estrutura como para a súa adecuación a reformas legais producidas nos últimos anos sobre temas de tanto calado como Saúde, Igualdade e Conciliación.


A seguir amosámosvos a liñas mestras da nosa proposta, que iremos desenvolvendo ao longo da negociación e dándovos cumprida información do proceso e das nosas peticións en maior profundidade.


Asemade convidámosvos a todos e todas a que contactedes con nós para achegarnos as vosas propostas sobre o tema.


· VIXENCIA


Dous anos.


· SALARIOS


o Recuperación de poder adquisitivo. Xa que a banca segue a obter beneficios e levamos anos perdendo poder adquisitivo cando os beneficios eran moito maiores, propoñemos fórmulas para a recuperación do mesmo, con subas anuais do IPC + 3 puntos durante a súa vixencia e ademais unha paga extra.


o Salarios variables pactados. Para loitar coa competencia que estas retribucións fan coas do convenio, propoñemos establecer fórmulas para que sexan recoñecidas como salario pensionable a todos os efectos.


o Premio de permanencia no banco. Pedimos unha gratificación económica e días hábiles de libranza ao acadar determinada antigüidade.


· PARTICIPACIÓN EN BENEFICIOS


Suprimir o tope máximo dos 15 cuartos de paga que fixa o vixente Convenio.


· XORNADA E TEMPO DE LIBRANZA


o Xornada laboral:


§ 35 horas en cómputo semanal de luns a venres, libranza de sábados. Horario: 8 a 15 horas.


§ Control efectivo do horario, para respectar a conciliación e non exceder deseguido o tempo de traballo da xornada legal, mediante fichado con reloxo.


§ Negociación cos comités de empresa dos horarios especiais recollidos no artigo 25.4.


§ Regulamento do horario de traballo efectivo e atención ao público na Semana de Festa Maior.


o Vacacións:


§ Incremento das vacacións a 27 días hábiles sen computar sábados, domingos nin festivos.


§ Permitir que todo o ano sexa período hábil para o disfrute das vacacións.


§ Realización dun único cadro por departamento ou oficina sen separar persoal administrativo e técnico.


o Licenzas: Supresión do límite de 15 días de licenza como tope anual, e ampliación de 4 a 6 os días de libre disposición retribuídos.


· MOBILIDADE XEOGRÁFICA


Eliminación en Galiza dos desprazamentos ata os 25 km.


o Equipos de substitucións e persoal que realiza o seu labor en máis de un centro de traballo físico: É preciso acadar compensacións en tempo de lecer, económicas, de transporte e comida, así como a contratación de seguros para as persoas (accidente e vida), e para os vehículos propiedade dos traballadores ou traballadoras que se estean usando para ditos desprazamentos de traballo.


· EMPREGO


o Contratación. Indefinida, cun período de proba de 3 meses.


o Utilización de ETT’s. O persoal que durante os últimos anos fora contratado por medio desta modalidade, formará parte dunha bolsa para a súa incorporación ao cadro de persoal das empresas.


o Integración de traballadores e traballadoras con discapacidade. Integración inmediata do 5% de persoas con estas características.


· IGUALDADE DE OPORTUNIDADES, CONCILIACIÓN E PROTECCIÓN Á MATERNIDADE


o Actualización do articulado do Convenio ás disposicións legais vixentes na materia e inclusión de melloras en cadanseu propio capítulo.


o Compromiso de redacción e posta en vigor de Plan de Igualdade en cada empresa no prazo máximo de ano e medio.


· CLASIFICACIÓN E CARREIRA PROFESIONAIS


o Persoal administrativo. Unificación no nivel IX.


o Persoal técnico. Definir o nivel mínimo para ocupar cada posto, fixando como categoría mínima para director/a de oficina ou equivalente dentro da estrutura da empresa o nivel V.


o Ascensos.


§ Por antigüidade. Aos 20 anos de servizo efectivo acadarase o nivel VIII.


§ Por capacitación. Acceso por capacitación tamén ao nivel VII.


o Formación. Sempre dentro da xornada laboral.


· PREVENCIÓN E SAÚDE LABORAL


o Creación dun capítulo específico sobre “Prevención, Seguridade e Saúde no Traballo” para tratar entre outros temas: PVD, CESS, vixilancia da saúde, revisións médicas, avaliación de riscos ou formación e información na prevención.


o Melloras en diversos temas, como postos PVD ou a prevención do atraco considerado como risco laboral.


· PREVISIÓN SOCIAL


o Substituír as referencias aos 65 anos de idade por “ou a idade en que por Lei poda acceder á xubilación sen penalización”.


o Exteriorización dos fondos de pensións nas empresas nas que non o estean xa.


o Creación de un complemento de xubilación para os traballadores e traballadoras posteriores ao 8 de marzo de 1980.


· COMISIÓNS INTERNAS A NIVEL DE EMPRESA


Creación dunha Comisión pola Normalización Lingüística. Preferencia para cobertura de vacantes en Galiza, para traballadores/as con coñecemento do galego falado e escrito. Realización de cursos de idioma galego dentro do Plan de Formación Profesional. Dentro dos cursos de Formación, un 50% serán impartidos en galego.



A vindeira reunión será o día 11 de maio. Seguiremos informándovos de todas as incidencias durante esta negociación.



Galiza, 28 de abril de 2011


Ningún comentario:

Publicar un comentario