18 de maio de 2011

2011: Máis despedimentos

Non hai moito tempo (o ano pasado) que Banesto en Galiza decidiu prescindir dos servizos dunha serie de traballadores/as sen máis criterio que o abaratamento de custes, e sen ter en conta os precarios cadros de persoal que presentaban xa as nosas oficinas.


Nese momento, dende o noso Sindicato, denunciamos publicamente esta desfeita e presentamos batalla onde puidemos, aínda que, coma sempre, dificilmente podemos parar esta dinámica nós sos se os demais sindicatos alentan e aconsellan o de “mejor que firmes y así te llevas una pasta”, e claro, como dixo aquel: ¡Banesto va bien!


Logo de aquelo viñeron tempos de paz e amor para todos/as ¡viñan as eleccións!, e… que contarvos que non saibades xa do espectacular proceso? (*)


Pois daqueles pos estes lodos, volvemos as andadas. Banesto non contrata persoal e os cadros de persoal están baixo mínimos, pero despide traballadores/as (polo menos 10 na pasada semana) aínda que sexa “pactando”, pero ao fin recoñecendo despidos improcedentes e Banesto compra así as vontades dos traballadores/as; para iso si hai cartos. E os/as curritos/as que van facer se a liturxia e a mesma “mejor que firmes y así te llevas una pasta”?


Dende a CIG queremos lembrarvos que estes tiburóns de RR.HH. atacan sempre á persoa máis endeble, á que non presenta batalla, e casos hai de compañeiros e compañeiras que se enfrontaron a esa situación con enteireza e cun Sindicato ao lado, e aínda hoxe están traballando en Banesto.


Queremos que vos quede claro a todos os traballadores e traballadoras, e á empresa tamén, que, chegada a situación de que vos citen a RR.HH., sempre tedes o dereito de que vos acompañe un delegado/a sindical, e nós, os delegados da CIG, estamos a vosa disposición as 24 horas.


Chamádenos e acompañarémosvos. Chamádenos e asesorarémosvos. Chamádenos e defenderémosvos. Pero chamádenos antes de asinar ningún documento, é o voso dereito. Que non vos enganen nesas encerronas que preparan para aturdirvos antes do sacrificio, como se lles fai ás bestas nos matadoiros.


¡Chamade a un delegado da CIG e non estaredes sos/soas!


Sempre buscaremos unha solución que non sexa o despido, e hai solucións…, pero hai que buscalas. A CIG está aquí disposta sempre a presentar batalla ante as inxustizas e as “grises” prácticas dos xestores/as de RR.HH. de Banesto na Galiza.


Galiza, 16 de maio de 2011


(*) A continuación para “refrescar memorias” reproducimos escrito (Non bebades veleno) que publicamos no pasado mes de xullo 2010.



Non bebades veleno



A democracia é así: enormemente grande e fermosa a maioría das veces, pero tremendamente pequena e mediocre outras. Non é pequena e mediocre en si mesma, inféctase polos que intentan manipulala de mil maneiras para manter privilexios ou posicións de forza, cando hai indecentes que se aproveitan das súas necesarias e decentes regras. A súa grandeza é que grazas a ela as persoas reivindican en liberdade intereses comúns. Como traballadores/as -e despois do linchamento laboral que estamos a vivir no Banesto nos últimos tempos- ¿cal é o voso interese común?


Na defensa dese interese común, da nosa dignidade de traballadores e traballadoras, nun momento tan complicado como o que estamos a padecer, a empresa -paradoxos da democracia- tenta ter “un lugar baixo o sol” a través do sindicalismo amarelo: é o seu dereito. Eles, que teñen todos os medios para facilitar a motivación e a convivencia laboral, necesitan dunha organización de traballadores/as para escoitarse a si mesmos: de risa. Pedímosvos que non tratedes este asunto con lixeireza, parade un momento, analizar na vosa intimidade de empregados/as de Banesto se os seus ocultos e verdadeiros intereses van da man dos vosos.


O sindicalismo amarelo busca facer ananos aos sindicatos de clase, acalar -aínda máis- a vosa voz, o dereito á vosa capacidade de resposta. O sindicato amarelo e de empresa ten o clientelismo por toda actividade sindical, pois o clientelismo/paternalismo e un magnífico camiño para tervos aínda máis secuestrados/as, é un paso atrás, unha gravísima concesión que dignifican -se poden- polo voso voto, voto que vos piden ás veces con xesto amable e outras non tan amable. A empresa, a través de agrupacións (non as chamedes sindicatos, volo pedimos por favor) que ela mesma anima institucionalmente, nutridas de traballadores/as de certa ascendencia no organigrama, busca exterminar e controlar os vosos dereitos laborais e utilizarvos contra vos mesmos/as: e é que se teñen o poder natural que dá ser os patróns e, aínda por riba, as vosas bendicións nunha representación laboral de infiltrados na loita obreira, “miel sobre hojuelas”.


¿Pensades que realmente unha mellora das vosas condicións laborais pasa por ese clientelismo de ventanilla onde nada é de balde?; ou, máis ben, ¿será ese mesmo clientelismo o que nos levará a un individualismo que nos debilitará definitivamente a todos/as? ¿Imaxinades a eses que hoxe vos piden o aplauso, o voso máis íntimo, sagrado e importante apoio que é o voto, imaxinádelos -vos preguntamos- combatendo a inxustiza na rúa detrás dunha pancarta ou nas inspeccións de traballo? ¿Imaxinádelos loitando nos tribunais por vós e a vosa dignidade de traballadores/as? Nós os imaxinamos máis ben revirando as costas no reclamo de todo o voso, e facendo de cando en vez algunha concesión graciosa no que por dereito regulado vos pertence. Se sodes submisos, esas concesións -non o dubidedes- terán o selo de favores que vos lembrarán cando lles pete, e que endexamais daredes pago.


Están facéndonos pasar malos e desagradables momentos en Banesto, o panorama sécanos a boca e ponnos o corazón nun puño, sabemos que moitas veces vos sentides indefensos e que estades medrosos e sedentos de amparo. Nós estamos e seguiremos estando eiquí, xa miraredes, non temos dubidas. Só vos pedimos que non deixedes que esa sede, esas ansias de beber, vola calmen con veleno.

Galiza, 26 de xullo de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario