22 de xul. de 2011

AEB non quere un Convenio sectorial,

AEB puxo por riba da mesa en varios puntos que as súas propostas teñen como base a recente reforma da negociación colectiva, que avanza na desaparición dos Convenios Sectoriais impulsando os acordos a nivel de empresa. Nós seguimos apostando por un Convenio Sectorial Galego que regule as condicións básicas do persoal de todos os bancos.


Xornada e Horarios


As normativas europeas fixeron que os sábados sexan inhábiles no sector financeiro, pero a maior parte dos bancos tiraron vantaxes con acordos nos que cederon sábados (que xa non eran hábiles) e conseguiron introducir a xornada flexible. Con ese argumento, a AEB négase a negociar a nivel sectorial, e pretende que calquera negociación en materia de horarios e xornada sexa a nivel de empresa; están, iso si, por ampliar os horarios especiais.


A sobrecarga de traballo e a extensión ilegal da xornada laboral son, sen dúbida, dous dos principais problemas laborais do sector, polo que na nosa proposta de Convenio Sectorial introducimos un paquete de medidas reguladoras que garantan a carga de traballo axeitada a cada persoa, o que facilitaría o cumprimento da xornada laboral e, polo tanto, o mantemento do emprego. Non ten sentido que os bancos promovan medidas incluso traumáticas para reducir os cadros de persoal, e por outra parte se realicen milleiros de horas extras ilegais. Unha tolemia coa que, ou ben vía acordo ou por decisión colectiva dos traballadores/as, debemos rematar.


Igualdade


A maior parte dos Plans de Igualdade existentes na banca privada non entran na regulación da carreira profesional e dos complementos de posto e/ou funcionais; son estes dous factores os que fan que sexa o sector da banca onde a fenda salarial entre homes e mulleres é maior.


AEB, que queremos lembrar foi contraria a Lei de Igualdade, di que esta é unha materia que debe ser abordada a nivel de empresa e polo tanto non quere falar.


Prevención de Riscos


Reclamamos que é preciso incluír no Convenio temas específicos de prevención, especialmente, a incidencia dos riscos psicosociais, o protocolo de pantallas de visualización de datos e a consideración do atraco como risco laboral.


Carreira Profesional, mobilidade xeográfica


Outro dos grandes problemas laborais é a flexibilidade en materia de mobilidade funcional, polo que queremos que se cree un catálogo de postos por funcións como existen na maior parte dos Convenios. AEB, en sintonía coas súas posicións, di que debería abordarse a nivel de cada empresa, xa que non se pode facer un catálogo sectorial.


Mentres por un lado propoñen recortes salariais co gallo de manter o emprego (din que sobra persoal), por outro propoñen crear unha categoría de acceso con salario máis barato. Non queremos pensar que os bancos queiran desfacerse do persoal fixo máis caro, para substituílo por persoal temporal con menores salarios.


En materia de traslados din que agora hai mellores estradas, autovías, e trens de alta velocidade, e que polo tanto, habería que buscar unha nova formulación. Queren aproveitar a reforma laboral aprobada polo Goberno (en base ao avanzado por CEOE, CCOO e UGT), para incluír, como xa vimos, flexibilidade horaria a nivel de cada empresa, manter a flexibilidade en mobilidade funcional e, neste punto, ampliar a mobilidade xeográfica.


A próxima reunión terá lugar o día 31 de agosto.

Galiza, 20 de xullo de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario