16 de set. de 2011

Champaña e caviar para uns, recortes para outros

AEB non nos explica porqué as entidades, se teñen diñeiro para as astronómicas subas de presidentes e conselleiros, blíndanse na súa postura de conxelación salarial durante os próximos dous anos. Considéranse, segundo afirmaron, vítimas da actual crise, polo que din que non deben asumir o custe da baixa no negocio, pero polo visto, o persoal da banca si.



A proposta dos bancos é:



-Convenio 4 anos.


-Suba salarial anos 2011 e 2012: sen suba. Na práctica, un recorte salarial dada a suba do IPC. Neste senso, lembraron o pacto Confederal asinado por CCOO, UGT e CEOE, no que marcaron un tope salarial para o 2010 do 1%, que din non foi aplicado no Convenio de Banca.


Anos 2013 e 2014: unha suba fixa, sen ter en consideración a suba do custe da vida. A maiores, unha parte variable ligada aos beneficios de cada empresa, desaparecendo o ¼ de paga e conxelando as pagas de beneficios.


-Antigüidade e Bolsa de vacacións: Redefinilas e actualizalas. É dicir: recortalas.


-Xubilacións: modificar a previsión social dado o “custe” da reforma das pensións.¿?



Posición da CIG:



-Foi a AEB a que decidiu desligar os salarios de Convenio da evolución das empresas durante os tempos de bonanza. Levamos dende o ano 2000 acumulando perdas de poder adquisitivo.


-Decidiron ligar a evolución das empresas aos salarios fóra de convenio, a través de complementos variables/funcionais. Moitos bancos xa recortaron ou eliminaron retribucións variables, os traballadores/as xa estamos pagando a crise malia que os bancos manteñen unha alta capacidade de xerar beneficios.


-A produtividade incrementouse dende o ano 2000 un 310%. Se queren ligar salarios a produtividade, que nos paguen os atrasos.


-Din que unha rebaixa dos salarios é unha garantía de empregabilidade. Falso, os bancos destruíron emprego en tempos de bonanza e hai varias entidades con ERE´s en marcha, con falsos despedimentos disciplinarios, ou con despedimentos obxectivos.



A CIG comezará as mobilizacións nos bancos en demanda dun convenio digno e fronte aos duros ataques da patronal aos nosos salarios. Facemos un chamamento ao persoal para non facer horas extras e levaremos adiante unha campaña de persecución da extensión ilegal da xornada laboral.



A próxima reunión será o 5 de outubro. Seguiremos informando.



Galiza, 14 de setembro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario