22 de set. de 2011

Non é delito ser afiliado da CIG

O compañeiro Antonio Salgado Carnero, traballador de Banesto en Verín, non é un delincuente e, polo tanto, non é merecedor de ser despedido.

O seu historial como traballador de Banesto está limpo, nunca foi amonestado. O único “delito” que cometeu Antonio nos 21 anos que traballou para Banesto, foi aportar incondicionalmente o seu esforzo persoal a todos os niveis, dende distintos postos de responsabilidade, incluído o de dirección, chegando así a cometer un erro moi común que se dá nos traballadores/as de Banesto: o de traballar unha morea de horas extras que nunca lles pagan.

O único pago que recibiu aos seus 49 anos de idade, foi o despedimento. Un máis dos moitos que se produciron en Banesto, porque así paga o demo a quen ben lle serve.

Dende hai tempo, Banesto está a perseguir á CIG; un bo exemplo disto, é o feito de que o Presidente do Comité de Empresa na provincia de Ourense, vén de gañar un proceso xudicial que chegou ao Supremo, por Vulneración de Dereitos Fundamentais. O obxectivo do banco é o de amedrentar á CIG, co fin de restar forza ao sindicato. Non o van conseguir.

Con estes antecedentes, a CIG ten o convencemento de que, o feito de ser afiliado e colaborar co noso sindicato (organizando incluso reunións con compañeiros/as), foi determinante para que despediran ao compañeiro Antonio. O firme propósito da CIG é defender ao compañeiro despedido, e a todos e todas os/as que, dalgún xeito, estean integrados/as no sindicato. Defenderémolos/as con toda a forza legal que sexa necesaria.

Que ninguén o dubide.
Galiza, 16 de setembro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario