18 de abr. de 2012

Banesto, quo vadis?

Na Xunta de Accionistas púidose escoitar á Dirección do banco dicir que Banesto aspira a ser un “protagonista activo” na configuración do novo mapa bancario. O que a priori semella positivo, non deixa de ter un aquel: calquera operación levará á necesidade de afrontar unha reestruturación laboral nun marco que para a CIG non é o desexable.


A actual política laboral do Banesto non é dende logo tranquilizadora, moito menos cando leva anos apostando por despedir (as “baixas incentivadas” non son novas). Pero ademais, o Convenio Colectivo da Banca 2011-2014 prevé, na cláusula de emprego, a aplicación de ERE’s e modificacións substanciais das condicións de traballo. Baixas incentivadas, suspensións de contrato, mobilidade xeográfica e funcional, recorte de salarios e flexibilidade de xornada forman parte do Convenio.


Ao mesmo tempo recorta salarios, nun momento de suba dos prezos da electricidade (7%), o gas (5%) , etc. Este recorte dáse ademais nun marco de suba dos impostos que pagamos os traballadores e traballadoras (ao tempo que hai unha amnistía fiscal para os defraudadores, que sobre todo son empresarios/as).


Despois de asinar ese Convenio, que sentaba as bases para unha dura reestruturación, algúns denuncian agora as “baixas incentivadas”. Dende a lexitimidade que temos, por non ter asinado ese convenio, queremos lembrarvos os vosos dereitos ante calquera “oferta” de baixa incentivada:


· En calquera reunión que afecte as túas condicións laborais ou ao posto de traballo, tes dereito a solicitar a presenza dun representante legal dos traballadores/as. A CIG está a túa disposición. A empresa está asesorada, asesórate ti tamén.


· Se tes que tomar unha decisión que afecta ao teu futuro laboral, non o decidas no momento, tes dereito a pensar as cousas con calma, sempre é bo tomar este tipo de decisións en frío. Cando a empresa te chama, é despois de facer unha valoración sosegada e con tempo. Ti tamén tes dereito a facelo así, as presas son malas conselleiras.


· Se a empresa che entrega calquera documento, asina “recibín” e non conforme, e solicita unha copia ese intre.


· Se recibes ameazas de traslado, cese, despedimento, etc., ponte inmediatamente en contacto co sindicato. Moitas veces os despedimentos son a culminación dun proceso de acoso que debes cortar de raíz mentres esteas a tempo.


Por último, é certo que Banesto, coma o resto das empresas, quere tirar vantaxe da Reforma Laboral imposta polo Partido Popular. Máis alá da folga xeral do 29 de marzo a CIG continúa na loita, o pasado 12 de abril fixemos concentracións en todo o país, e temos previstas novas mobilizacións. Únete a elas e participa.

Galiza, 16 de abril de 2012

Ningún comentario:

Publicar un comentario