17 de xuño de 2013

Acoso Laboral no Grupo Santander

CIG sempre chamou as cousas polo seu nome e o que estamos sufrindo no noso traballo, é un “Acoso Laboral” xeneralizado e perfectamente planificado.
Ao amparo da situación económica e cun ERE no horizonte, o Banco está aproveitando o medo para elevar o nivel de presión e represión ate límites insoportables.
As maneiras de materializalo son amplas e variadas:
·           Multiconferencias diarias ás 8:30h, ás 14:30h e as 20:00h.
·           Cortes de control da produción as 10:00h, 11:00h ou 12:00h.
·           Reunións sistemáticas os luns pola tarde.
·           Reunións e visitas de control a calquera hora da tarde (ate máis das 21:30h).
·           Xornadas de asistencia obrigatoria a “eventos deportivos”, etc., fóra do horario de traballo e que implican longos desprazamentos por estrada.
·           Xornadas de traballo “especiais” na tarde da orde de 2 ou 3 por semana, en puntos xeográficos que requiren un desprazamento de centos de quilómetros para centos de traballadores/as, etc., etc., etc.
Claro que toda esta estratexia de Acoso e Derribo compleméntase cunha carga de traballo insostible porque, ademais, as plantillas están en cadro (aquí non sobra ninguén) e os obxectivos comerciais marcados a cada empregado/a (no antigo Banesto inclúe aos operativos de caixa) son IMPOSIBLES de realizar sen vulnerar os mínimos de profesionalidade, formalidade, seriedade e serenidade que garantan un bo servizo á clientela e tranquilidade para o traballador/a, para que calquera erro nos farragosos procesos de contratación non supoña un “despido procedente”, que xa sería a guinda deste pastel.
O valor engadido destes sistemas, é o que lles proporciona unha “folla de cálculo” que utilizan contra nós coma un martelo pneumático. Eles transmiten datos e esmagan e esmagan nos demais sen enlordarse as súas coidadas manciñas.
Temos pedido unha reunión cos responsables de RR.LL. do Santander para tratar de mellorar esta situación, pero eles pensan que non hai necesidade.
Polo pronto, o Banco vén de ser sancionado pola Inspección de Traballo por extensión ilegal da xornada laboral. Nós seguiremos denunciando e non desbotamos mobilizacións se non cesa de inmediato o acoso laboral que eles chaman “política comercial”.
Galiza, 17 de xuño de 2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario