19 de xul. de 2013

Fín do período de consultas: o 18 de xullo non hai nada que celebrar.


As baixas son vender o emprego
O Expediente de Despedimento Colectivo do Banco Santander foi aprobado por CCOO, UGT, FICT e SEB. Estamos ante a parte visible do iceberg (290 despedimentos), pero a reestruturación segue adiante e terá numerosas consecuencias laborais negativas para todo o persoal.

Os motivos económicos que levaron a fusión das marcas non están aclarados. Os culpables da situación son outros (que nalgún caso cobraron indemnizacións dun banco do grupo, e seguían traballando noutro), pero as consecuencias da mala xestión pagarémola os traballadores e traballadoras.
Durante todo o período de consultas legal do ERE, a preocupación da CIG foi poñer por riba da mesa alternativas para que o proceso de reestruturación, aberto pola Dirección do Banco Santander, tivera o menor impacto laboral posible. Non foi posible, a empresa contaba coa complicidade de outros.
Preocúpanos o futuro daquelas persoas que, despois de ser apuntadas pola Dirección para ser despedidas, non aceptaron a “xenerosa” oferta do banco. Moito nos tememos que nalgúns casos a “voluntariedade” quedará retratada nos vindeiros meses. En todo caso a CIG defenderá a todos e a todas.
Preocúpanos tamén o futuro de todo o cadro de persoal, toda vez que o banco poderá trasladar arbitrariamente a quen queira e a onde queira; e poderá desfacerse de persoal sen ningún tipo de control, a través da “recolocación” noutras empresas.
Pensamos que non hai un “excedente” de persoal, e ademais, é un despropósito que algúns pretendan amosar coma un éxito o ERE, e digan que foi voluntario na súa maior parte. Aínda que fose así, que haxa persoal que farto de aturar un clima laboral perverso prefira marchar da Entidade, debería ser un motivo de alarma sindical, nunca de alegría. Ademais todos e todas coñecemos persoas que decidiron marchar ante o medo a ser perseguidas, trasladadas ou algo peor; voluntarios nin para comer.
En definitiva, a CIG non asinou o Expediente de Despedimento Colectivo do Banco Santander, un banco con beneficios que, no canto de prexubilar, despide utilizando a reforma laboral.

Os postos de traballo non se venden, deféndense!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario