23 de xul. de 2013

Reconversión sector 2007/2012: Os bancos asociados á AEB destruíron 1.419 postos de traballo en Galiza

Concentración BBVA Ourense I
O 18 de xullo o Banco Santander, CCOO, UGT e sindicatos de empresa, asinaban un Expediente de Despedimentos Colectivos tramitado conforme á reforma laboral. A CIG-Banca denuncia que continúa a durísima reestruturación do sistema financeiro en Galiza, tamén na banca privada (os bancos asociados á AEB), onde se destruíron, entre 2007 e 2012, un total de 1.419 empregos, que se corresponden co 20,73% do total.

A sangría de postos de traballo derivada dos procesos de fusións e privatización das antigas caixas de Aforros acapara titulares nos medios de comunicación. Pero a banca privada tamén está reconverténdose, malia que non teña a mesma presenza nos medios. Así o denuncia a CIG-Banca, que fixo un estudio sobre o impacto que este proceso de reconversión está a ter no emprego na banca privada.

Segundo isto, na banca privada houbo un peche masivo de centros de traballo. O número actual de oficinas bancarias en Lugo e Ourense retrotraese ao da década dos 70 e na Coruña e Pontevedra á década dos 80. Ao final do 2012 as oficinas bancarias en Ourense eran 127, cifra acadada no ano 1976; en Lugo había 147 oficinas, unha cifra semellante a do ano 1977; na Coruña había 454 oficinas retrocedendo ao número de oficinas do ano 1981, o mesmo que en Pontevedra, con 334.

O peche masivo de centros de traballo levou á destrución de 1.419 postos de traballo dende finais do 2007, unha caída do 20,73%. A banca privada gaña cota de mercado, pero restrinxe servizos e destrúe emprego.

Evolución emprego na banca privada (AEB) dende o inicio da crise


2007 2012 Evolución
A Coruña 3.502 2.764 -738
Lugo 642 513 -129
Ourense 649 509 -140
Pontevedra 2.051 1.639 -412
Galiza 6.844 5.425 -1.419

“Non estamos ante un achegamento ao modelo europeo (menos oficinas pero dotadas con maior número de persoas), senón ante un proceso de reconversión”, explican desde a CIG-Banca. “Continúa a imparable destrución de emprego que comezou nos oitenta, cando a banca privada chegou a empregar a 9.936 persoas en Galiza. Ao tempo a extensión ilegal da xornada laboral (recoñecida por un 80% do persoal) e a sobre carga de traballo son un exemplo do empeoramento das condicións laborais”, conclúe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario