28 de out. de 2013

Converxencia de horarios segmentos especializados (II)



O pasado 21 de outubro, tivo lugar en Madrid a 2ª reunión para tratar a proposta do Banco de modificar horarios en segmentos especializados como son Empresas, Banca privada e a rede de Banif, para poder aplicala a partires do vindeiro mes de novembro.

Polo que ten que ver coa aplicación do horario do art. 25.3 do Convenio Colectivo para as oficinas de empresas:

"Alternativamente, establécese o horario partido que figura a continuación:

- Luns a xoves: 8 a 17 horas, con 1 hora de pausa para o xantar.

- Venres: 8 a 15 horas, nas que están computados como de traballo efectivo os 15 minutos diarios de descanso obrigatorio.

- Do 23-V ao 30-IX:

* Luns a venres: 8 a 15 horas, nas que están computados como de traballo efectivo os 15 minutos diarios de descanso obrigatorio.

- Libranza de todos os sábados do ano."

Nós requirimos que, para poder asinar este acordo, tería que ser aplicado o artigo na súa totalidade, é dicir, que inclúa inescusablemente a segunda parte onde se expresa a voluntariedade para o/a traballador/a:

O horario partido será voluntario e ofrecerase por cada empresa aos empregados que estime conveniente. As aceptacións recibidas non poderán aplicarse en máis do 25 por cento dos centros de traballo de cada Empresa, nin supor máis do 25 por cento dos empregados de cada banco.

Tamén deixamos constancia na mesa de que a CIG non está a favor dos desregulamentos dos horarios, senón moi ao contrario, pola esixencia e a vixilancia do “escrupuloso e estrito cumprimento dos mesmos”, tarefa a que invitamos a todos os participantes na negociación. Así mesmo, incidimos en que, en calquera dos casos, se respecte o tope legal das 1.700 horas anuais.

No que toca á Banca Privada e a Banif, o Banco propón variacións (1/2 hora) nos horarios de entrada e saída, sen alterar o número de horas que ao final do ano se cumprirán, que varían segundo o mes en que o/a traballador/a disfrute as súas vacacións. Chegado este punto, as diferentes maneiras de calcular, dun lado a empresa e do outro os sindicatos, deixan no aire e para unha próxima reunión os posibles achegamentos de criterios para “acordar” algo.

Na CIG o que temos claro é que no Banco Santander S.A. en Galiza, os horarios que se están a levar a cabo por expresas orden e vixilancia diaria dos cadros de mando exceden de moi, pero que de moi largo, as 1.700 horas anuais, e así mesmo todos e cada un dos horarios legais establecidos no Convenio Colectivo e nos acordos de empresa, tanto na rede, como en oficinas de empresas, como en banca privada, etc.

Polo mesmo insistiremos no necesario control dos horarios na vindeira reunión que se prevé para a próxima semana, da que vos daremos cumprida información.

Ningún comentario:

Publicar un comentario