21 de maio de 2014

Vacacións: o banco incumpre de novo a lexislación

O Banco Santander está incumprindo a lexislación negándonos o dereito básico a disfrutar das vacacións conforme ao Estatuto dos Traballadores e ao precario Convenio da Banca. 

O Banco Santander está metido unha espiral perigosa: día si e día tamén, a nosa clientela pode ver nos medios que foi sancionado por distintos organismos reguladores, sexa aquí ou alá. O poder económico pode levalos a actuar deste xeito, pero a prepotencia é mala conselleira. 

O cadro de persoal, espremido ata a extenuación, merécese poder disfrutar das súas merecidas vacacións, dun período de “liberdade provisional” entre as maratonianas xornadas laborais. Debe ser que con tanta implantación internacional xa non saben que lexislación debe aplicarse. Señores do Banco Santander: aquí, polo de agora, debe aplicarse o Estatuto dos Traballadores e o Convenio Estatal.

 O Estatuto dos Traballadores di que o período de disfrute das vacacións fixarase de común acordo entre o empresario e o traballador/a, de conformidade co establecido no Convenio, e o persoal ten dereito a coñecer o cadro con 2 meses de antelación. O Convenio de Banco Privada di que o período hábil para o disfrute das vacacións será o comprendido entre o 1 de marzo e o 30 de novembro, ambos inclusive, de cada ano. Non obstante o persoal que o solicite, sempre que as necesidades do servizo o permitan, poderá tomar as súas vacacións nos restantes días do ano. 

O Convenio recorta o establecido no ET, reducindo as datas de disfrute, pero para dar cumprimento á lexislación deixa aberta a posibilidade do disfrute noutras, cando o servizo quede cuberto. Instamos ao Banco Santander a cumprir a lexislación laboral; unha cuestión son as necesidades de servizo, outra os “caprichitos” dalgúns. As vacacións deben ser de mutuo acordo, se non poden ser na data solicitada, debe ser o banco quen demostre as necesidades de servizo. 

Galiza, 20 de maio de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario