4 de mar. de 2014

SANTANDER: CLIMA LABORAL TÓXICO

Hai pouco tempo, don Emilio Botín dixo, coa sinceridade do que se sabe intocable, e que non ten nada que perder, que o Santander en España non gañara diñeiro no ano 2013, pero que no 2015 o beneficio será “descomunal”. O obxectivo prioritario do banco para este ano é o axuste, e para iso, estase convertendo nunha “máquina de picar carne”. Coa axuda dos imprescindibles “capataces”, eses xefeciños cunha meta prioritaria de instalar unha sicose de medo e presión tal que os compañeiros están a punto de estourar, as baixas sucédense, e os que aguantan ven o traballo como unha tortura. Nesta “carnicería” contan como cómplices necesarios cos, mal chamados, “grandes sindicatos”. Estas “empresas”, obrigadas polos seus compromisos co poder económico, e alleas aos intereses dos traballadores, colaboran coa represión de moi distintas maneiras: xa sexa coa firma dun acordo que implica un ERE, aceptando de boas a primeiras o argumento do empresario de que “sobra persoal” (¿onde sobra o persoal….?), xa sexa cun silencio atronador diante da labor cotiá que fan os capataces (multiconferencias continuas, reunións, cortes de control, ameazas, faltas de respeto no trato, prolongación da xornada laboral ata extremos insospeitados, inxerencia nas vidas privadas d@s traballadores/as, etc), todo iso en aras dunha flexibilidade horaria que non discrimina nin laborables nin festivos, e que no seu día tamén lle puxeron na man ao empresario (acordo de horarios do 23-9-2009, coa bolsa das 25 horas). Isto tradúcese en horas extraordinarias “incontroladas” ,que non son remuneradas nin declaradas/cotizadas á facenda pública nin á caixa da Seguridade Social. Isto resumiuno cunha frase un deses “iluminados” cando soltou en público, hai pouco : “ El horario en esta empresa es de 7 h 55’ hasta cuando se acabe el Trabajo…”. Para xustificar toda esta complicidade dos “grandes sindicatos” coa patronal da banca, xa non abondan as manifestacións escritas en comunicados testimoniais, que só pretenden camuflar debilidades e complicidades. Porque, ¿ cantas denuncias ?, ¿ cantas demandas ante a autoridade laboral e/ou xudicial ?, ¿ cantas manifestacións públicas relevantes avalan esas “epístolas” ?? Isto lévanos ao clima laboral tóxico no que vivimos. É isto o que merecemos? Dos xefeciños da nova/vella empresa xa o esperabamos, e….. os outros comezan a non sorprendernos… Galiza, febreiro de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario