22 de xan. de 2014

Na banca os salarios non subiron moderadamente, baixaron!!

En que se parecen CCOO e Cristóbal Montoro? En que din que os salarios medran moderadamente cando están baixando. Os tres anos que leva vixente o Convenio Colectivo da Banca Privada saldáronse cunha nova perda acumulada de poder adquisitivo, pendentes do que suceda co IPC no ano 2014. 

Cando se asinou o Convenio Colectivo había tensións inflacionistas, sen que o acordo garantise o mantemento do poder adquisitivo. Durante os anos 2011 e 2012, o IPC subiu un 2,4% e un 2,9%, a suba salarial foi “free” O,O (cero, cero). E iso malia que o xeito de cálculo do IPC foi modificado, sen que recollese o incremento brutal dalgúns bens de consumo e dos propios servizos públicos. Os drásticos recortes do Goberno do PP levaron ao Estado á entrar en recesión, caendo o emprego e o consumo, chegando a deflación nos últimos meses do 2013. Iso situou o IPC no 0,3, e a suba salarial de 2013 foi do 1,25%. Pero esta diferenza non compensará o perdido dende 2011 e ademais, non é froito dun bo Convenio, senón dunha mala conxuntura económica que ninguén debería celebrar. 

Cláusula de emprego? 

Os Bancos asociados á AEB reduciron 1.419 empregos en Galiza no período 2007-2012, destruíron un 21% do emprego. Ademais a “cláusula de desemprego”, establecía o marco de reestruturación a través de Expedientes de Regulación de Emprego en base as durísimas reformas laborais. No mesmo período a Banca conseguiu eliminar aos seus competidores, absorbendo por 1 euro e con axudas públicas a moitas das antigas Caixas. Malia a durísima crise que asolou a economía, a banca deu beneficios. Outra reestruturación e outras condicións laborais son posibles, tamén en termos de viabilidade económica. 

Non haberá creación de emprego sen que se estimule a demanda interna, por iso a CIG defende que sectores coma a banca asuman creación de emprego cun reparto do traballo e subas salariais dignas. Quizais Montoro e CCOO consideran que iso é unha tolemia, pero nós estamos nas súas antípodas: iso é o que acaba de solicitar nada menos que o Goberno Xaponés ás grandes empresas. 

Por último a CNMV anunciou que prohibirá ligar os salarios na banca á venda de produtos financeiros, unha boa nova; nós reivindicamos a suba do salario fixo. Ao tempo, a retribución flexible, en especie, cotizará á Seguridade Social. 

Esta é a teimuda realidade, máis alá da propaganda e da terxiversación dos feitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario