11 de xul. de 2014

Identificado un directivo por graves abusos contra o persoal do banco Santander

F.M.B.H, veciño de Vigo, de 47 anos, vello coñecido dos sindicatos por ser reincidente nos comportamentos de presión contra os traballadores e traballadoras, foi identificado por delegados da CIG coma o responsable de abusos contra persoal. Os feitos ocorreron ás 17:00 horas do pasado 8 de xullo na cidade de Vigo, nas instalacións da propia Entidade. 

F.M.B.H.convocou a persoal do Banco Santander a un Comité de zona ás 17:00 horas, con previsión de alongarse ata as 18:30; previamente ese persoal cumprira a súa xornada laboral e o seu traballo. A reunión, finalmente, durou aproximadamente 2 horas. 

Cando o persoal chegou ao local, viu que foran retiradas as cadeiras e non había posibilidade de sentarse. Foi entón cando F.M.B.H., abusando do seu cargo, anuncioulles que terían que permanecer de pé ao longo da reunión e sen apoiarse, “quiero que esteis atentos a mi intervención y que la recordeis siempre”. 

Previamente, nun xesto de humanidade sen precedentes, preguntou se había algunha embarazada na sala. Durante 2 horas deu unha paliza considerable ao persoal, lembrando en todo momento que tiñan prohibido apoiarse, que debían de permanecer de pé. 

Este comportamento vai máis alá do laboral, é un trato humillante, despectivo e un maltrato físico e psicolóxico ao persoal. Só o medo a perder o posto de traballo e a outro tipo de represalias podería explicar que o persoal aturase as dúas horas de pé na sala. 

Temos reclamado de Dirección Persoal de Madrid que investigue os feitos e actúe ante esta actuación, non admitiremos baixo ningún concepto máis abusos de poder. Os abusos dentro das instalacións do banco, non quedarán no banco. 

Se fai falta, na próxima reunión que convoque, delegados/as da CIG estaremos sentados, para que a clientela de Vigo coñeza que clase de Directivos ten o Santander. Galiza, 11 de xullo de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario