21 de out. de 2014

Pronunciamento da CIG nos sectores da Banca, Centros de Chamadas, Seguros, TIC e Oficinas



Corrupción sindical: non todos somos iguais

Hai “sindicatos” sacudidos de xeito permanente por escándalos e supostos casos de corrupción. Un dos últimos, o das tarxetas “black” de Caja Madrid, afecta a persoas vinculadas a CCOO e UGT que formaron parte das mesas negociadoras dos Convenios Colectivos das Caixas de Aforros (Pedro Bedía), dos Convenios Colectivos da Banca (Francisco Baquero) e das negociacións de Expedientes de Despedimentos Colectivos (ERE’s). 

A quebra das Caixas de Aforros tivo un duro impacto laboral e social, houbo responsabilidades sindicais non depuradas. Ademais, cada día saltan novos escándalos sen que se asuman responsabilidades sindicais, evidenciando a podremia das estruturas dalgúns sindicatos. 

A trama de CCOO en Caja Madrid toca de cheo a Chema Martínez, actual Secretario Xeral de CCOO-Servizos (que agrupa á banca, centros de chamadas, seguros, oficinas e despachos, rexistros, notarías, etc.). Era traballador de Caja Madrid e participou directamente nos acordos que levaron a Blesa e a Rato á Dirección da Entidade, e avalou a súa xestión nos órganos de goberno. Sucesor de María Jesús Paredes (muller do implicado Francisco Baquero), contaba coas persoas implicadas entre os seus colaboradores máis directos. Chema Martínez chegou á Secretaria de Comfía co apoio de María Jesús Paredes, entrando Baquero no Consello de Administración de Caja Madrid. 

O caso de Caja Madrid/Bankia, afecta tamén á UGT-Bankia, que supostamente financiou a súa actividade nesa entidade con cargo ás tarxetas black. Tiraban de tarxeta opaca, avalaron a xestión de Blesa e Rato, e entre os “cobradores en black” hai persoas que negociaron ERE’s. 

Desgraciadamente, o caso das tarxetas de Caja Madrid non é unha excepción. A suposta fraude masiva nos cursos de formación en Andalucía (CCOO-UGT), o afloramento de diñeiro negro por parte do líder da UGT na minería; os pagos recibidos de empresas por “asesoramentos”..., son algúns exemplos dunha lista interminable. 

Pola contra, a CIG, grazas a que é un sindicato sen ataduras, denuncia escándalos e corrupción no sector financeiro. O proceso na Audiencia Nacional contra os ex-directivos das Caixas polas indemnizacións multimillonarias, nace dunha investigación da Fiscalía Anticorrupción por unha denuncia da CIG; presentamos tamén unha querela penal contra os ex-directivos das Caixas pola comercialización de preferentes e obrigas; e, máis recentemente, denunciamos na Fiscalía e no Parlamento (que decidiu reabrir a Comisión de Investigación) os negocios da familia Méndez con Caixa Galicia. 

CCOO e UGT defenden un modelo de sindicalismo pactista e conciliador, no que as cúpulas toman as decisións sen contar coas persoas afectadas. Esa concentración da toma de decisións en poucas mans, que está na antítese do sindicalismo (que é colectivo), crea o caldo de cultivo idóneo para a corrupción sindical. 

A CIG defende un modelo sindical reivindicativo (non pactista) e participativo (asembleario), no que temos a obriga de seguir afondando. As decisións que afectan colectivamente aos traballadores e traballadoras deben ser tomadas colectivamente, o mellor antídoto fronte á corrupción sindical.

É por iso que queremos desmarcarnos dos escándalos e da corrupción sindical e da falta de asunción de responsabilidades. Non todos os sindicatos somos iguais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario