19 de set. de 2014

A Inspección de Traballo inicia un novo procedemento de sanción polas horas extras

Cando o Banco chegou a un acordo en materia de horario cos seus sindicatos, a CIG propuxo a creación dun sistema de control horario. O banco non o aceptou, algo que ao resto dos sindicatos non lles importou. Agora as distintas Inspeccións de Traballo están levantando actas en base ás nosas denuncias, a última en Ourense. 

A Inspección de Traballo de Ourense comunicounos que iniciou o procedemento de sanción contra o Banco Santander, despois de xirar visitas e constatar que a nosa denuncia por extensión ilegal da xornada laboral era certa. A Inspección di que o Banco Santander non rexistra as horas, nin facilita aos traballadores/as un recibo das horas extras e que deste xeito impide que os traballadores/as e a propia administración podan controlar a xornada laboral realizada. 

Cando milleiros e milleiros de galegos e galegas sofren a lacra do desemprego, e milleiros vense na obriga de emigrar, que haxa empresas que destrúen postos de traballo favorecéndose da extensión ilegal da xornada, defraudando á seguridade social e a facenda, resulta escandaloso. O Banco Santander debería actuar con responsabilidade social fronte á sociedade que lle dá de comer. 

Uns sindicatos colaboran coa empresa, por acción e omisión, para que poda obrigar ao persoal a realizar horas extras ilegais. Outros, os delegados da CIG, combatemos a extensión ilegal da xornada por ser unha estafa social e laboral. 

Seguiremos pois demandando o cumprimento da xornada pactada e a creación dun sistema de rexistro horario, en definitiva para que o Banco Santander nos pague as horas que nos debe!!!. 

 Galiza, 10 de setembro de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario