16 de abr. de 2015

Non mareemos a perdíz. E hora de crear emprego e mellorar as condicións laborais

Xa advertimos que a negociación non avanzaría en tanto non pechasen o Acordo Confederal de Negociación Colectiva, mentres no Convenio de Banca perdemos o tempo (algúns retrasaron a entrega das súas propostas ata final de mes). 

A patronal si deixou claras as súas intencións, sen complexos. AEB chama “modernización”, a retornar ás condicións do escravismo capitalista do século XIX. A CIG aposta polo progreso contra a barbarie neoliberal da patronal, por iso xa entregamos a nosa Plataforma de Convenio e defendemos as nosas posicións: 

• Suba salarial: Os salarios débense actualizar en relación á suba do custe da vida, por xustiza social e para reactivar o consumo. 

• Retribución antigüidade: Débese manter, dado que recoñece a experiencia e a fidelidade coas empresas (incluso empresas de países ultra-capitalistas coma os USA así o recoñecen). 

• Pagas de Beneficios: Débense manter, son un estímulo económico á produtividade con criterios obxectivos. Facer partícipes aos traballadores e traballadoras da boa marcha das empresas é positivo e moderno; recortar salarios é negativo e antediluviano. 

• Emprego: A exteriorización de traballos bancarios provocou unha importante perda de postos de traballo. Defendemos recuperar esa carga de traballo. 

• Conciliación e Igualdade: A patronal fala de “modernización” pero esquece falar da conciliación da vida persoal e laboral e das políticas de Igualdade. Curioso. 

• Mobilidade xeográfica: Non hai necesidade de incrementala, só é a posta en práctica da súa filosofía xeral: negar dereitos xa existentes. 

A diferenza desta negociación colectiva con outras anteriores, radica en que a patronal está crecida despois de anos de axustes, de sucesivas reformas laborais, de novas estratexias empresariais para empeorar as condicións e baixar salarios, e da utilización do desemprego como arma para aterrorizar ás persoas empregadas co fin de que non reclamen os seus dereitos. 

As empresas creen que non precisan negociar e van a por todas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario