13/05/2015

Queren un convenio para cando os “bitcoins” sexan moeda oficial

Na reunión do 12 de maio, que coincidiu no tempo co Acordo de contención salarial asinado pola CEOE‐CCOO‐UGT, a AEB fixo unha avaliación das plataformas presentadas pola parte social.
 

Vixencia: AEB, CCOO e UGT coinciden en 4 anos. 

Emprego: Non consideran necesarias incorporacións sobre a calidade dos contratos. Non ao período de proba de 3 meses. Relevo xeracional: non hai que incorporalo ao convenio. 

Clasificación categorías, horarios e estrutura oficinas: Tal e como advertimos, queren afondar no modelo comercial que consiste en que coloquemos produtos que a clientela non demanda. Así, a súa posición nestas materias só consiste en reclamar a necesidade de “flexibilizar” as condicións laborais empeorando as mesmas. É dicir, unha maior flexibilidade nas funcións, avanzando na polivalencia (que todos e todas fagamos o mesmo pero que cobremos distinto, nomeadamente as mulleres), na flexibilidade horaria, etc.

Salarios: Desbotan a nosa proposta de suba lineal, que estes seguidores de doutrinas económicas do século XIX cualifican como ¡¡obsoleta!! Rexeitan tamén a nosa proposta de premios de antigüidade e non están dispostos a eliminar o tope máximo de participación en beneficios. 

Conciliación e Igualdade: Chegado o momento farán unha proposta concreta. 

Mobilidade: Manteñen ampliala a 50 quilómetros (con compensación a partir dos 25) e que os traslados que superen esa distancia sexan regulados pola lexislación de mínimos do E.T. 

Para resumir, agradecen propostas presentadas pero pensan que debemos reflexionar ao respecto, para que o Convenio sexa o acaído para o sector e que “lle permita a súa propia supervivencia”. 

Señores e señoras da patronal: Quizais algún día os “bitcoins” sexan a moeda oficial e a clientela se auto atenderá totalmente a través de novas tecnoloxías prescindindo dos bancos, pero hoxe, máis alá da burbulla tecnolóxica que algúns alimentan, continuamos no euro, e o 85% da clientela é atendida pola rede comercial. O Convenio de banca regula as condicións laborais do persoal da rede e servizos centrais (o persoal da banca online ou telefónica está fóra, malia as nosas reivindicacións), non somos persoas virtuais. Deixen pois de utilizar a banca‐ficción para tentar recortar as nosas condicións laborais!!! 

Galiza, 13 de maio de 2015 

Nota: O Banco Santander xa pretende implantar a xornada flexible, non lle importan os horarios; haberá unha carga de traballo a realizar, leve o tempo que leve!

Ningún comentario:

Publicar un comentario