28 de set. de 2015

O convenio aféctache por acción ou omisión, por iso loita coa CIG para defenderte. Seguinte paso Asambleas Concentracións da CIG diante das distintas entidades o 24/9/15

Tal e como anunciamos, o 24 de setembro concentrámonos no Pastor/Popular, no Santander, no BBVA, en Bankia e Abanca, dando inicio ao proceso de mobilizacións para demandar un CONVENIO XUSTO, para defendernos das intencións das direccións e salvagardar os postos de traballo e as condicións laborais. O conflito irá a máis con novas mobilizacións, nas que será preciso contar con todos os cadros de persoal. 

A CIG non acepta con resignación e brazos cruzados as intencións das patronais do sistema financeiro, que pretenden durísimos recortes, cando ademais estamos na antesala dunha nova reestruturación e novos despedimentos masivos. Por iso o 24 saímos a rúa despois de celebrar unha asemblea conxunta de delegados e delegadas da CIG no sector financeiro, na que se aprobou a convocatoria de asembleas de traballadores e traballadoras en toda Galiza, co obxectivo de nuclear a resposta contra a agresión permanente das direccións. 

Hai moita xente que pensa que non lle afecta o Convenio, que as súas condicións individuais están por riba do mesmo. NON é certo. Os horarios non se cumpren, as políticas comerciais non están reguladas, as patronais inzan as nóminas de complementos “voluntarios” (en vez de dar maior nivel salarial, o que aportaría maior seguridade laboral). Pero un Convenio é a base dos dereitos laborais. 

O actual convenio non regula o que realmente nos pasa, pero é o punto de partida dos nosos dereitos básicos, dos salarios, das nosas vacacións ou das nosas xubilacións futuras, entre outras cuestións. Neste senso, sendo certo que hai que cambialo, é imprescindible contar cun Convenio. 

Insistimos en que se aveciña un novo proceso de concentración. Os acordos laborais de fusión cada vez son peores, incluíndo máis despedimentos e recortes, máis carga de traballo para as persoas que quedan e menos saídas brandas para as que marchan. A patronal, co visto bo de CCOO e UGT, levou adiante unha feroz reconversión empresa por empresa, manexando os tempos, sen que houbera unha resposta sectorial conxunta. A forza dos traballadores e traballadoras, como sucede noutros sectores, tería sido maior se tiveramos dado unha resposta colectiva paralizando, se fose preciso, todo o sector financeiro. Goberno e patronais tomarían nota, e negociarían doutro xeito. 

A batalla actual polos Convenios é a primeira batalla fronte ás novas fusións: debemos crear o marco a aplicar nos distintos procesos que virán. Galiza, 28 de setembro do 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario