16 de out. de 2015

En Madrid a AEB consegue cesións a cambio de nada e en Galiza seguimos coas mobilizacións

A día de hoxe non hai novas propostas patronais, nin os bancos mudaron a súa posición. Só quen está disposto a ceder dereitos sen opoñer resistencia, pode valorar como positiva a negociación. A AEB mantén todas e cada unha das súas propostas, non as retirou. 

Pero ademais, a situación que vivimos día a día nas empresas, os problemas aos que debería dar resposta o Convenio, non variaron (presións para a colocación de produtos, obxectivos crecentes, cargas de traballo inasumibeis que obrigan a estender a xornada, etc). E malia isto e para a nosa sorpresa, houbo sindicatos que se felicitaron pola “marcha da negociación” e se amosaron dispostos a ceder en materias clave (condicións para novas contratacións, recálculo pagas de beneficios). 

Mentres, a patronal ten uns obxectivos claros e fala de cousas serias (recortar salarios, recortar dereitos), hai quen tira de ocorrencias, por exemplo pretende que a patronal inclúa no Convenio unha cláusula de “honestidade dos bancarios e bancarias”. Dende cando quen nos obrigan a vender produtos que a clientela non demanda, quen deseñan e implantan cláusulas declaradas ilegais, son quen teñen a potestade de darnos o título de honorabilidade? 

Falan tamén da suposta perda da ultraactividade, que a día de hoxe non está sobre a mesa. E de ser certo que os bancos poden deixar de aplicar o convenio en breve, cabe preguntarse como estiveron calados e sen mover un dedo durante meses ata que teríamos chegado ao borde do abismo. Mais ben semella un argumento podre para xustificar un mal acordo e novas cesións. 

No Convenio de Aforro, con propostas patronais idénticas, CCOO e UGT convocaron concentracións nas que quixeron contar coa CIG. Nos trasladámoslles a estas organizacións a necesidade de mobilizacións conxuntas en todo o sector financeiro, tamén na banca, sen ter resposta. 

É por iso que mantemos o noso calendario de mobilizacións, e o vindeiro 21 de outubro concentrarémonos no Santander, no BBVA, no Popular Pastor, no Sabadell, en Abanca e en Caixabank. O sindicalismo vasco mobilizarase o 20 de outubro, e xa traballamos nunha posible data de coincidencia para mobilizarnos no mes de novembro. Non se poden gañar aquelas batallas que non se libran

Ningún comentario:

Publicar un comentario