O 18 de xullo o Banco Santander, CCOO, UGT e sindicatos de empresa,
asinaban un Expediente de Despedimentos Colectivos tramitado conforme á reforma
laboral. A CIG-Banca denuncia que continúa a durísima reestruturación do
sistema financeiro en Galiza, tamén na banca privada (os bancos asociados á
AEB), onde se destruíron, entre 2007 e 2012, un total de 1.419 empregos, que se
corresponden co 20,73% do total.
A sangría de postos de traballo derivada dos procesos de fusións e privatización
das antigas caixas de Aforros acapara titulares nos medios de comunicación.
Pero a banca privada tamén está reconverténdose, malia que non teña a mesma
presenza nos medios. Así o denuncia a CIG-Banca, que fixo un estudio sobre o
impacto que este proceso de reconversión está a ter no emprego na banca
privada.
Segundo isto, na banca privada houbo un peche masivo de centros de
traballo. O número actual de oficinas bancarias en Lugo e Ourense retrotraese
ao da década dos 70 e na Coruña e Pontevedra á década dos 80. Ao final do 2012 as oficinas bancarias en Ourense
eran 127, cifra acadada no ano 1976; en Lugo había 147 oficinas, unha cifra
semellante a do ano 1977; na Coruña había 454 oficinas retrocedendo ao número
de oficinas do ano 1981, o mesmo que en Pontevedra, con 334.
O peche masivo de centros de traballo levou á destrución de 1.419
postos de traballo dende finais do 2007, unha caída do 20,73%. A banca privada
gaña cota de mercado, pero restrinxe servizos e destrúe emprego.
Evolución emprego na banca privada (AEB) dende o inicio da crise
2007 | 2012 | Evolución | |
A Coruña | 3.502 | 2.764 | -738 |
Lugo | 642 | 513 | -129 |
Ourense | 649 | 509 | -140 |
Pontevedra | 2.051 | 1.639 | -412 |
Galiza | 6.844 | 5.425 | -1.419 |
“Non estamos ante un achegamento ao modelo europeo (menos oficinas pero
dotadas con maior número de persoas), senón ante un proceso de reconversión”,
explican desde a CIG-Banca. “Continúa a imparable destrución de emprego que
comezou nos oitenta, cando a banca privada chegou a empregar a 9.936 persoas en
Galiza. Ao tempo a extensión ilegal da xornada laboral (recoñecida por un 80%
do persoal) e a sobre carga de traballo son un exemplo do empeoramento das
condicións laborais”, conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario