A Inspección de Traballo de Lugo, previa denuncia da CIG, sancionou ao Banco Santander por non establecer ningún tipo de control horario que permita aos traballadores e traballadoras ter rexistro das horas extras que realizan. A acta de sanción baséase nunha Sentenza do Tribunal Supremo.
Antigamente, as empresas tiñan moito interese en que se cumprira o horario e establecían mecanismos de control. Agora na banca, impoñen unha carga de traballo abusiva (normalmente comercial) e non lles preocupa o tempo que nos leve facela, xa que non pagan as horas.
Cando a empresa e os seus sindicatos negociaron o “Acordo de flexibilidade horaria” que facilita ese tipo de modelo por obxectivos comerciais, insistimos na necesidade de implantar un sistema de control. Negáronse, para prexuízo do cadro de persoal.
Á vista da resolución da Inspección de Traballo, se a empresa persiste na súa actuación seguiremos denunciando, e xa estudamos posibles demandas xudiciais para obrigar ao Banco Santander a cumprir a lexislación.
O cumprimento do horario máximo legal, obrigaría ao banco a dotar correctamente as oficinas contratando persoal. A súa conduta é gravísima en tempo de desemprego masivo e emigración.
Mentres, aconsellámoste que leves un rexistro persoal das horas extras que realizas, facendo constar día, hora e traballo realizado. Sempre é bo gardarse ese tipo de probas ante posibles medidas arbitrarias por parte do Banco.
Por último, lembra que tes a lexislación do teu lado: as horas extras son voluntarias, hai un máximo de 80 ao ano e deben ser cotizadas e retribuídas ou compensadas con tempo libre. Sabes que contas co apoio da CIG.
Galiza, 26 de maio de 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario